martes, 4 de septiembre de 2012

Feijóo anuncia que as eleccións do 21 de outubro lle custarán un 40% menos aos cidadáns grazas a “unha organización máis austera”


  • Resalta que a redución do 20% das subvencións aos partidos políticos, a merma dos representantes da Administración na xornada ou a eliminación das gratificacións dos altos cargos permitirán un aforro de 5 millóns de euros
  • Avanza a rebaixa do 10% nas gratificacións aos representantes da Xunta na xornada, a eliminación do acto de presentación de difusión de resultados con convidados e a supresión da asistencia técnica contratada anteriormente para traballos administrativos, que desta volta realizarán funcionarios da Administración
  • Resalta o mantemento das asignacións aos cidadáns que integren as mesas electorais
  • Destaca que se reducirá ao mínimo legal o número de papeletas impresas, para evitar que se repita o sucedido en 2009, cando se produciron 53 millóns e só se utilizaron 1,7 millóns 


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que as eleccións ao Parlamento galego do vindeiro 21 de outubro lle custarán un 40% menos aos cidadáns grazas a “unha organización máis austera”. Así o dixo o titular do Goberno galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que hoxe adoptou dúas decisións: reducir nun 32% o gasto das anteriores eleccións do ano 2009 e, ademais, non actualizar o gasto daquela convocatoria conforme aos ipcs dos últimos catro anos, “o que suma un aforro neto do 40% nos gastos electorais”, en total, 5 millóns de euros, concretou.
Feijóo detallou un conxunto de medidas que permitirán un operativo electoral “máis barato para dar paso á lexislatura seguinte co mesmo principio de rigor nas contas públicas e co mesmo respecto aos impostos dos cidadáns, que son os que sufragan todos os actos públicos”.
Así, subliñou que os partidos políticos terán un 20% menos de subvención, ao tempo que se reducirán os representantes da Administración na xornada electoral e se eliminan as gratificacións dos altos cargos da Xunta que tomen parte na organización. Segundo informou, tamén se reducen un 10% as gratificacións dos representantes da Xunta e un 5% as do resto do persoal que participe no operativo electoral, ao tempo que se rebaixan nun 10% as achegas ás xuntas provinciais e ás de zona para gastos de funcionamento.
O presidente da Xunta subliñou que se manterán unicamente as asignacións aos cidadáns que formen parte das mesas electorais. O operativo prevé tamén unha redución das dietas, a reutilización das cabinas de votación e das urnas electorais.
Destacou o titular do Executivo galego que se suprimirá o acto público de difusión de resultados con convidados, e que “os únicos convidados que terá este acto público serán todos os medios de comunicación, pero non hai convidados nin canapés para as persoas que poidan querer ir ao Palacio de Congresos”. Ao mesmo tempo, sinalou que se suprime a asistencia técnica contratada anteriormente para traballos administrativos electorais, “cuxo traballo realizarán funcionarios da Administración pública”.
Alberto Núñez Feijóo fixo fincapé tamén na decisión de reducir “ao mínimo legal” o número de papeletas e votacións impresas, para evitar que se repita “o ocorrido, por exemplo en 2009, cando se imprimiu o 135% do censo electoral, se imprimiron 53 millóns de papeletas e só se utilizaron 1,7% millóns de papeletas”. Polo tanto, engadiu, “estamos cumprindo os mínimos legais, porque son mínimos de absoluta garantía e de absoluta pluralidade”.
O operativo electoral aprobado hoxe polo Consello da Xunta estará formado por unhas 50.000 persoas, entre 18.000 membros de mesas electorais e 22.000 membros de mesas electorais suplentes, 3.800 representantes da Adminstración, máis de 3.000 policías e membros de seguridade, 350 membros das xunta electoral central, 200 telefonistas e media centena de persoas encargadas das incidencias.
Na liña da lexislatura
O titular da Xunta enmarcou a redución dos custos do operativo electoral na liña da austeridade do conxunto da lexislatura, que o Goberno galego quixo facer extensivo ao comezo da seguinte. Lembrou que Galicia ten xa unha Administración máis reducida, cun Goberno formado por un 40% menos de conselleiros e un 50% menos de altos cargos, ademais dunha administración periférica reducida nun 90%. “Imos seguir traballando tamén no primeiro paso da lexislatura seguinte, e o primeiro paso da lexislatura seguinte é a convocatoria da propia confección vía voto dos deputados que conformen o Parlamento na seguinte lexislatura”, destacou.

No hay comentarios:

Publicar un comentario