miércoles, 17 de octubre de 2012

Feijóo: “Non cansarei de dicir que Galicia é o mellor lugar de España para investir"


O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe en Ferrol que “Galicia seguirá asinando máis contratos de crecemento, e non me cansarei de dicir que Galicia é o mellor lugar de España para investir”.

Así se expresaba o líder do PPdeG nun mitin en Ferrol, onde engadía que os da oposición saben que os galegos non cren que eles sexan capaces de formar o goberno unido que precisa Galicia. “Saben que tiraron case catro anos en poder formar unha alternativa” que sexa adecuada para os galegos.

Así mesmo, Feijóo fixo fincapé en que os partidos da oposición levan tirados 12 días de campaña en desacreditar a Galicia e en tentar convencer de que os estaleiros galegos non eran capaces de recibir traballo das empresas máis potentes do mundo. 

Segundo Feijóo, elevarán o ton da política máis baixa pero iso non é o que Galicia precisa e quere; por iso convidou aos alí presentes a non caer no enfrontamento e na división.

Con respecto a isto, pediulles que permitan ao resto de partidos que se expresen e que rebatan as súas descalificacións con ideas e propostas; que contesten á súa falla de confianza en Galicia co convencemento nas nosas capacidades como pobo. 

“Sei que fai uns días, na pegada de carteis, fúchedes pechados nun hotel por unha minoría. Non o merecedes. Pero a mellor resposta non é usar as pedras que lanzan; a arma máis contundente coa que temos que responder é o voto”, dixo.

Segundo o presidente do PPdeG, os partidos da oposición propoñen unha volta ao pasado, aliarse á contra e desfacer o acadado, mentres que os populares apostan por seguir avanzando cara o futuro, sumar a favor de Galicia e seguir superando retos xuntos.

PEMEX
Por outra banda, no relativo a Pemex, Feijóo fixo fincapé en que Galicia ten os mellores estaleiros de España: confirmouno Pemex a través de PMI e confirmárono tamén Navantia, Barreras, a Xunta, a avogacía do Estado, o Goberno de España, o Goberno saínte de México e tamén o entrante. 

O que non tivo Galicia, como lembrou o líder do PPdeG, foi bos gobernos e por iso quedou sen pedidos durante tantos anos pero agora volve haber barcos na ría de Vigo e na de Ferrol e, como destacou, son os primeiros de máis.

Por iso, o candidato do PPdeG fixo fincapé en que, ás veces, á oposición núbraselles a realidade cos seus desexos e lamentou que estes fosen que os contratos con Pemex non saísen adiante.

Con respecto a isto, Feijóo insistiu en que os estaleiros galegos van adiante, en contra dos desexos da oposición, a automoción galega vai adiante, Alcoa –xa o confirmou a empresa- vai adiante, o sector leiteiro vai adiante, como adiante vai tamén o sector eólico. 

En suma, Galicia vai adiante e o vindeiro domingo, co voto dos galegos e galegas, Galicia vai seguir adiante e por diante. 
O dirixente popular quixo agradecer que desde México se teña demostrado que o seu compromiso con Galicia é máis sólido que desde a oposición de Galicia.

Así, destacou que mentres uns desde o Goberno procuran que a Galicia lles saian ben as cousas, outros queren que lles vaia mal para tentar chegar ao Goberno. Por iso, criticou que dea a sensación de que o que é bo para Galicia sexa malo para a oposición e apuntou que unha mala oposición é tamén malo para Galicia.

Neste senso, Feijóo manifestou o seu desexo de que a oposición poida recuperarse e lle vaia ben, “pero na oposición”; e mentres tanto, os populares sigan traballando para que a Galicia lle vaia ben.

Así mesmo, afirmou que non se cansará de pedir á oposición que se una aos populares na recuperación. Por iso, pedirallo unha e outra vez aínda que tamén lles pide que teñan claro que Galicia non vai agardar por eles.

“En 2009 España asustaba a España co seu déficit e tentamos reducilo. O conseguimos”, dixo. “Non é mérito do presidente dos galegos ou dos membros do Goberno, senón dos galegos que inspiran a acción da Xunta”.

Feijóo dixo que todas as comunidades, sexa o seu goberno da ideoloxía que sexa, prefiren seguir construíndo hospitais, poñer en marcha prazas en centros de día, en garderías, non depender do Goberno central para chegar a fin de mes ou de axuda para pagar aos seus provedores. “Todas querrían poder facelo pero só Galicia pode porque Galicia fixo os deberes”

No hay comentarios:

Publicar un comentario