Alberto Núñez Feijóo avanzou, na súa viaxe a Brasil, a intención de armadores brasileiros de explorar vías para a reparación de buques nos estaleiros galegos.
Así mesmo, e tras a reunión co secretario de Desenvolvemento Económico, Enerxía, Industria e Servizos do Goberno de Río de Janeiro, Julio César Carmo Bueno, Feijóo concretou a posibilidade de que unha delegación de armadores brasileiros visite os estaleiros galegos. “Unha visita para coñecer in situ as capacidades dos estaleiros galegos e as posibilidades de coordinar distintos encargos, distintas posibilidades contractuais entre estaleiros de Brasil e os estaleiros de Galicia”.
“Estamos moi interesados en recibir aos armadores brasileiros. Unha vez que cheguemos a Galicia -precisou- concretaremos unha posible axenda para que os armadores brasileiros, a Xunta e os estaleiros galegos poidan dar a coñecer as necesidades e as potencialidades que ten Galicia de colaboración cos armadores brasileiros, que necesitan construír barcos nun tempo real, é dicir, nun tempo de entrega dado que os xacementos petrolíferos están detectados e o que se necesita é iniciar a explotación efectiva”.
Deste xeito, e a modo de balance, Feijóo incidiu en que, neste momento, “temos dúas vías de negocio iniciadas: unha vía de reparación de barcos que nos interesa moitísimo dado que iso supón carga de traballo; e, tamén, unha delegación de armadores brasileiros, que poderán visitar Galicia para coñecer exactamente a capacidade instalada nos estaleiros galegos”.
Feijóo resaltou que esas dúas vías foron o obxectivo central desta xornada, se ben lembrou que aínda quedan varias reunións para completar a axenda. E, neste senso, adiantou a xuntanza que manterá con Petrobras, unha das principais petroleiras do mundo.
Co descubrimento do xacemento petrolífero pre-sal, Feijóo subliñou que Brasil, con Petrobras, vaise converter no terceiro ou cuarto país de produción de petróleo do mundo. “Petrobras ten unhas enormes necesidades de contratación de barcos e imos centrar a xornada de mañá, fundamentalmente, nesa oportunidade”.
Feijóo aseverou que os estaleiros galegos teñen capacidade para responder de forma inmediata, de poñerse de acordo no contido e no prezo dos contratos, poderíamos empezar a construción de forma inmediata. “Acabamos de firmar un contrato moi importante con Pemex duns 300 millóns de dólares e aínda nos quedan algunhas outras posibilidades de embarcacións, tamén, con Pemex, pero temos potencia e capacidade instalada aínda ociosa en Galicia, tanto nos estaleiros privados como no estaleiro público Navantia”, sentenciou.
No hay comentarios:
Publicar un comentario