
- O GPP tamén solicita que este programa estea aberto á participación tanto de entidades legalmente constituídas como de grupos informais de mozos e mozas
- Para os populares galegos, é preciso xerar modelos e actitudes que fomenten o emprendedurismo entre a mocidade, para impulsar o crecemento económico e a creación de emprego
O Grupo Parlamentario Popular presentou ante a Mesa unha proposición non de lei, por iniciativa do deputado Javier Dorado, para que o Goberno galego poña en marcha o programa Iniciativa Xove Emprendedora. O obxectivo deste plan é fomentar a participación xuvenil, que permite á mocidade da comunidade poñer en marcha proxectos propios onde probar ideas innovadoras e novas fórmulas de emprendemento e empregabilidade.
Como lembra Javier Dorado, a Lei 6/2012 de xuventude de Galicia establece no seu artigo 9 que a Xunta fomentará o espírito emprendedor e potenciará entre os máis novos un sistema de actitudes e preocupacións do que formen parte a iniciativa propia, a responsabilidade, a planificación de obxectivos vitais, a perseveranza, o compromiso e a flexibilidade.
Para os populares galegos, é preciso xerar modelos e actitudes que fomenten o emprendedurismo entre a mocidade, para impulsar o crecemento económico e a creación de emprego nunha sociedade máis competitiva.
Por este motivo, é preciso que o Goberno galego poña a disposición da xuventude as ferramentas de participación necesarias para que poidan liderar os seus propios proxectos e responsabilizarse dos resultados conseguidos.
Así mesmo, os populares tamén solicitan na proposición non de lei que este programa estea aberto á participación tanto de entidades legalmente constituídas como de grupos informais de mozos e mozas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario