lunes, 25 de febrero de 2013

Feijóo expresa o compromiso por preservar a cultura como un lugar de encontro


  • “A cultura fíxonos fortes, uniunos, preparounos para afrontar problemas. A cultura estableceu un dobre vencello: co pasado e co futuro. Grazas a ela, somos o que foron os galegos de antes, e empezamos a ser o que serán os galegos de despois”, di
  • Afirma que os premiados non soamente son unha referencia cultural senón social; “un recordatorio para todos os que loitamos por unha fonda rexeneración da vida pública, e unha recuperación do auténtico sentido da política”

Alberto Núñez Feijóo expresou, durante os Premios da Cultura Galega 2012, o compromiso por preservar a cultura como un lugar de encontro “onde todos teñen cabida e onde a diversidade e a discrepancia non son pecado senón virtude”.

Feijóo afirmou que a resposta sobre a nosa capacidade de supervivencia no tempo atópase na cultura. “A cultura fíxonos fortes, uniunos, preparounos para afrontar os problemas. A cultura estableceu un dobre vencello: co pasado e co futuro. Grazas a ela, somos o que foron os galegos de antes, e empezamos a ser o que serán os galegos de despois”, asegurou, logo de recordar as palabras de Valentín Paz Andrade: <estamos na obriga de manter a tradición cultural recibida, renovándoa e actualizándoa. A engrosar o seu caudal coas nosas voces, coa parcela da verdade por nós conquistada, co aroma do noso tempo... para transmitírllelo todo aos nosos fillos>.

O titular da Xunta asegurou, deste xeito, que grazas á cultura somos un país que é capaz de transcender o tempo. E, neste senso, aseverou que se a cultura fixo de nós un mundo como Risco dicía, débese a que esa cultura é viva e sentida.

Así mesmo, resaltou, tamén, que somos singulares na íntima relación que sempre se mantivo en Galicia entre a cultura popular e a cultura elaborada: “Non hai divorcio algún entre elas, -dixo- e iso explica que o pobo sinta como seus o libro, a peza musical, a obra teatral ou a creación audiovisual. No noso caso, as musas son reais, están entre a xente que forma o espazo vital e cotián do creador”.

Amais de ser viva e sentida, Feijóo aseverou que a nosa cultura proporciona tamén algo necesario e urxente nestes tempos: exemplos. “Na lista dos Premios da Cultura Galega 2013 vexo ao artista Quintana Martelo que resume Galicia en cada obra. Vexo á Asociación Internacional de Estudos Galegos, responsable dun traballo teimoso a prol da nosa identidade. Vexo en Manuel Rodeiro aos músicos que logran que Galicia non soamente se vexa ou se lea, senón tamén que se escoite. Vexo na Fundación Eduardo Pondal a nosa inmorrente vocación universalista. Vexo ao poeta Bodaño, que sinte cos seus versos o que sentimos e non sabemos expresar. Vexo a Miguel Anxo Fernández, incansable promotor  de iniciativas cinematográficas e audiovisuais. Vexo no Grupo de Teatro Airiños de Rianxo unha longa tradición escénica que se remonta ao 1933. Velaí unha escolma da cultura galega de hoxe. E velaí tamén unha escolma de exemplos”.

O titular da Xunta afirmou que os premiados non soamente son unha referencia cultural senón social. “Sodes un recordatorio para todos os que loitamos por unha fonda rexeneración da vida pública, e unha recuperación do auténtico sentido da política”, dixo, e  amosouse convencido de que un país precisa dunhas infraestruturas inmateriais que soamente se fan con valores; “exemplos que nos digan que baixo dunha aparencia que ás veces nos leva a pensar que vivimos nunha sociedade amoral, latexa unha lexión de homes e mulleres bos e xenerosos”.

Feijóo concluíu insistindo na idea de que a cultura fai que as dimensións físicas do noso país sexan moi inferiores á súa dimensión humana e cultural. “A cultura fainos medrar como país, e tal cousa é posible entre outras cousas porque a cultura de verdade nos une”, aseverou.

No hay comentarios:

Publicar un comentario