- Destaca que con este acordo, Galicia será a primeira comunidade en colaborar co Ministerio para o desenvolvemento do plan tecnolóxico estatal para a modernización da xustiza
- Recorda que no eido xudicial, e no marco do Plan Senda 2014, investíronse nos últimos catro anos, 13,7 millóns de euros
- Afirma que o futuro Programa Transforma TIC terá como obxectivo impulsar un sector TIC “cohesionado e que sexa competitivo”
- Resalta o traballo que o Goberno galego está a desenvolver para poñer a disposición da cidadanía servizos cada vez máis avanzados e innovadores, na busca dunha Administración aberta as 24 horas do día, os 365 días do ano
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a sinatura nos vindeiros días dun novo convenio co Goberno central para investir outros 5 millóns de euros no que a tecnoloxías no eido xudicial se refire; “e, en consecuencia, -asegurou- Galicia será a primeira comunidade en colaborar co Ministerio de Xustiza para o desenvolvemento do plan tecnolóxico estatal para a modernización da xustiza”.
Así mesmo, e no tocante a este eido, Feijóo lembrou que, nos últimos catro anos, o Goberno galego investiu, a través do Plan Senda 2014, 13,7 millóns de euros destinados a renovar o 85% do equipamento con antigüidade menor a cinco anos; instalar unha rede de videoconferencia que dea servizo ás salas do 100% dos órganos profesionais da xustiza; e a realizar máis de dous millóns e medio de notificacións telemáticas. “E, en 2013, -engadiu- poremos en marcha o plan para a renovación dos sistemas de gravación de vistas nas sedes xudiciais”.
Impulsar un sector TIC cohesionado e competitivo
Durante a clausura do I Encontro Dintel co sector público Tecnoloxías e servizos públicos na Administración galega do século XXI, o responsable autonómico afirmou que o Goberno galego seguirá traballando, nesta lexislatura, para dar un impulso ao sector das TIC. E, neste senso, referiuse ao futuro Programa Transforma TIC, cuxo obxectivo será impulsar un sector TIC “cohesionado e que sexa competitivo”.
Nestes momentos de dificultades, o titular do Executivo galego insistiu na necesidade “de facer apostas que podan ser máis útiles para os cidadáns, para mellorar a competitividade da nosa economía e que busquen o emprego”. “Desde a anterior lexislatura pensamos que a aposta pola tecnoloxía é a aposta polo futuro e, a tal efecto, presentamos a Axenda Dixital 2014.gal, a nosa folla de ruta da anterior lexislatura e que actualizaremos para que teña unha concreción máis alá do 2014, ata o 2020”.
A Axenda Dixital conseguiu, cun investimento público e privado de 660 millóns de euros: avanzar nas infraestruturas, “é dicir, na Banda Larga, que ten como obxectivo que o 100% da poboación galega teña no ano 2013 acceso a internet”; iniciar unha nova etapa no sistema educativo no que a tecnoloxía se refire, co programa Abalar; e mellorar no ámbito da sanidade coa receita electrónica, o historial electrónico ou o Hospital 2050.
Unha Administración aberta as 24 horas do día, os 365 días do ano
Para o mellor desenvolvemento desta Axenda, Feijóo afirmou que a Xunta conta coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o lugar e a dirección onde se coordinan os programas tecnolóxicos da comunidade; “e creamos, tamén, un único Centro de Proceso de Datos Integral, xuntando os distintos centros de procesos de datos que ten a Administración autonómica -80 centros-, cun aforro de custes de 3 millóns de euros anuais”.
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta insistiu no traballo que o Goberno galego está a desenvolver para poñer a disposición da cidadanía servizos cada vez máis avanzados e innovadores. E, neste senso, amais do Plan Senda 2014 no eido da Xustiza, referiuse ao Plan de Modernización da Administración Pública, cuxo obxectivo é ter unha Xunta aberta as 24 horas, os 365 días do ano, con medidas como: a implantación da sede electrónica, “e, neste momento, xa se poden presentar telematicamente máis de 500 trámites, que esperamos duplicar no 2013”; e a acreditación dixital dos empregados públicos, “e, no pasado ano firmáronse dixitalmente 67.000 documentos administrativos e, neste ano, temos como obxectivo unha firma dixital de máis de 100.000 documentos”.
Pola súa banda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, incidiu en que tanto as reformas das administracións públicas, como a mellora da competitividade dos nosos sectores produtivos, a diminución fenda dixital na Comunidade e a sostibilidade e mellora dos servizos públicos basean as súas estratexias de futuro no uso intensivo e intelixente das novas tecnoloxías. “Por iso, nun momento de difíciles priorizacións e importantes renuncias, o Goberno galego, afirmou, continúa a apostar polo desenvolvemento dixital de Galicia e a innovación tecnolóxica como recolle a Axenda Dixital 2014.gal”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario