miércoles, 27 de marzo de 2013

O PSOE rexeita que eurodeputados españois non apoien acordo pesqueiro con Mauritania

Jose Manuel Balseiro lembra que desde a data de sinatura do protocolo Xunta e Goberno central desenvolven xestións ante a Comisión, Consello de Ministros e Parlamento europeos para corrixir unha desastrosa negociación feita polo anterior goberno socialista


OS SOCIALISTAS REXEITAN NO PARLAMENTO A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR PARA QUE OS EURODEPUTADOS ESPAÑOIS NON APOIEN O ACTUAL ACORDO PESQUEIRO CON MAURITANIA

• Tampouco quixeron dirixirse ao Goberno de Canarias e da Junta de Andalucía para que, tal e como vén realizando a Xunta de Galicia, soliciten da Unión Europea a revisión deste protocolo para que se inclúa a posibilidade de pesca de buques cefalópodeiros




Os deputados do Grupo Socialista bloquearon onte no Pleno do Parlamento de Galicia a proposta do Grupo Popular para dirixirse aos eurodeputados españois e demandarlles que non apoien o actual acordo pesqueiro con Mauritania por entender que é lesivo para os intereses de Galicia.


Os parlamentarios do PSdeG rexeitaron unha emenda do PP na que os populares tamén pedían dirixirse ao Goberno de Canarias e á Junta de Andalucía para que, tal e como vén realizando a Xunta de Galicia, soliciten da Unión Europea a revisión deste protocolo e poida incluírse nel a posibilidade de pesca dos cefalopodeiros e, máis en concreto dos 25 buques que teñen vinculación socioeconómica con Galicia, aínda que porto base noutras comunidades.


XESTIÓNS DA XUNTA E O GOBERNO CENTRAL

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, salientou na súa intervención que desde a sinatura do protocolo en xullo de 2012 a Xunta e o Goberno central están a impulsar xestións ante a Comisión Europea, Parlamento europeo e Consello de Ministros da UE para corrixir os efectos negativos deste acordo pesqueiro co país africano.


Balseiro tamén lembrou que, cando en decembro de 2011 o PP accedeu á responsabilidade de Goberno en Madrid, o anterior Executivo do PSOE xa tiña celebrado 5 roldas negociadoras deste acordo pesqueiro con Mauritania e e aceptado condicións moi daniñas para a nosa flota, como son: a exclusión dos buques cefalopodeiros (cuxo listado nin tan sequera aparecía no acordo), a imposición dos desembarques das capturas en Mauritania, a prohibición de uso dalgúns aparellos de pesca, elevar o custe do acordo, tanto ao aumentar a compensación económica que se paga ao país africano como en relación co incremento das licenzas entre un 270 e 440% ou a imposición de contratar ata dun 60% de mariñeiros mauritanos como tripulacións.


ABUNDANCIA DE RECURSO

Balseiro contrapuxo o traballo continuo e constante dos goberno do Partido Popular co repentino interese amosado polo PSOE respecto deste asunto e emprazoulle aos socialistas a que pidan explicacións aos responsables do seu propio partido que fixeron gran parte da negociación e foron incapaces de bloquear o acordo. Pediulles tamén que como forza política integrante dos gobernos de coalición en Andalucía e Canarias –comunidades nas que teñen porto base os buques galegos– sumen esforzos con Galicia na procura dun acordo máis positivo.


Finalmente, Jose Manuel Balseiro puxo en valor o traballo desenvolvido tanto pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, como polo ministro Miguel Árias Cañete que corrixiron a exclusión aceptada polo PSOE dos buques cefalopodeiros, conseguiu a inclusíon do listaxe dos mesmos no acordo con cota cero e, polo tanto, sentaron as bases para que de probarse a a abundancia de recurso de polbo no caladoiro mauritano –como determinan os estudos do Instituto Español de Oceanografía- poidan recoñecérselle novas posibilidades de pesca, logo da xuntanza do Comité Científico prevista para principios de abril.

No hay comentarios:

Publicar un comentario