lunes, 4 de marzo de 2013

Prado ve a Galicia en condicións de ser a primeira comunidade en saír da crise

A voceira do PPdeG destaca que nos congresos do PP toda a militancia participa no proceso de elección do líder, non como sucedeu no PSOE tralas autonómicas de 2009


Prado ve a Galicia en condicións de ser a primeira comunidade en saír da crise xa que tamén foi pioneira en controlar o gasto



• Nunha entrevista na Radio Galega, critica que Vázquez fose colocado a dedo á fronte do PSOE, ás costas dunha militancia que non se identifica cun líder que non elixiu


• Critica actitudes de membros da oposición e di que “se un deputado/a do PP tivese aplaudido unha ameaza de morte sería cesado inmediatamente polo presidente do partido”


• Considera que acordos como o acadado co PSOE esta semana no relativo ao sector naval é precisamente o que agarda a cidadanía dos seus representantes públicos


A voceira do PPdeG, Paula Prado, asegurou que Galicia está en condicións de ser a primeira comunidade en saír da crise porque tamén foi a primeira en tomar medidas de control de gasto e de déficit.


Nunha entrevista realizada na Radio Galega, Prado lembrou que a situación económica herdada do Bipartito era moi complexa, cun buraco económico nas arcas públicas de máis de 2.500 millóns de euros polo que houbo que tomar medidas como controlar o gasto público, controlar o déficit e non endebedarse máis.


Grazas a ser pioneira nestes ámbitos, Galicia acadou uns niveis de solvencia por riba doutras comunidades, a pesar de que as medidas que se tomaron para conseguilo foron criticadas polos partidos da oposición.


Así, á vista dos datos do déficit que se veñen de coñecer e de que as cousas van mellorando, todo apunta a que esas actuacións iban ben encamiñadas e son as que permiten hoxe a Galicia estar en mellor posición para saír da crise.


SOBRE ELECCIÓNS PRIMARIAS E CONGRESOS
Preguntada sobre as eleccións primarias do PSOE galego, Prado lembrou que Manuel Vázquez foi posto a dedo á fronte do partido por José Blanco, polo tanto non contaba co apoio das bases e agora pretende facer unhas primarias que en Ferraz non lle autorizan. Baixo o punto de vista da voceira do PPdeG, as bases xa tiñan que ter sido consultadas antes e o que non semella moi axeitado é un liderado imposto co que a militancia non se identifica.


Por outra banda, Prado referiuse aos congresos abertos que celebran os populares lembrando que se trata de procesos onde se presentan candidaturas e onde a militancia pode votar.


Como explicou a dirixente popular, cando hai un congreso rexional do partido, os encargados de votar son uns compromisarios que, á súa vez, saen das xuntas locais, onde os votan os afiliados como os seus representantes no cónclave. Polo tanto, toda a militancia acaba participando nese proceso e séntese identificada co líder que sae do congreso, non como sucedeu no PSOE galego tralas autonómicas de 2009.


A RELACIÓN COA OPOSICIÓN
No relativo á actitude dos partidos da oposición no Parlamento, Prado aseguraba que os populares intentan que sexan conscientes da institución que representan así como dos cidadáns que os apoiaron nas urnas. Neste senso, dubidou que os votantes de AGE, BNG ou PSOE apoiasen a estes partidos para que actúen como o están facendo na Cámara últimamente: montando leas e amosando actitudes impropias dun deputado (recentemente unha deputada de AGE aplaudía a un invitado que profería ameazas de morte a Feijóo e aos deputados populares desde a tribuna).


Segundo Paula Prado, ese tipo de comportamentos non se toleran no PP e asegurou que “se un deputado/a do PP tivese aplaudido unha ameaza de morte sería cesado inmediatamente polo presidente do partido”.


Á cuestión do entendemento acadado co PSOE no sector naval, Prado destacou que iso é precisamente o que quere a cidadanía, xa que non pode ser que a oposición vote sistemáticamente en contra de todo o que propón o PP para desgastar ao partido e ao Goberno. O do naval foi un acordo puntual para favorecer o traballo neste sector e é precisamente o que hai que facer, que os grandes partidos cheguen a acordos porque o motivo polo que están aí é para resolver os problemas.


A SITUACIÓN DA POLÍTICA NA ACTUALIDADE
Preguntada pola situación actual da política, Prado apuntou que hai moitas persoas que o están pasando mal debido á crise e ao paro, polo que os casos como os que se están a investigar na actualidade non axudan moito a recuperar a confianza na política. De tódolos xeitos, tal e como asegurou, os populares traballan cada día por afastar a todos aqueles que se achegaron á política para encher os seus petos e favorecer intereses persoais. Segundo Prado, no PP só teñen cabida aqueles que teñen vocación de solucionar os problemas dos cidadáns.


No relativo ao descenso de apoios aos partidos maioritarios –PP e PSOE- que se reflicten nas enquisas, Prado cre que o motivo de que haxa unha desconexión da cidadanía con respecto aos partidos está máis relacionado coa situación que se está a vivir caracterizada pola crise económica e o paro. Segundo a dirixente popular, os cidadáns buscan que sexan os representantes os que resolvan a situación e iso é un proceso que leva tempo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario