viernes, 10 de mayo de 2013
A Xunta financiará contratos-programa nos centros tecnolóxicos e de investigación
Feijóo avanza que a Xunta financiará, por primeira vez, contratos-programa estables nos centros tecnolóxicos e de investigación galegos, con 4,5 millóns destinados á atracción e retención de talento ou a equipamentos e subcontratacións
Destaca que a Xunta inxectará 10 M€ para promover a internacionalización das empresas galegas a través do programa re-Export, que mobilizará 8 M€ para financiar o 50% dos custes das exportacións; e do programa Foexga, que prevé consolidar 84 actuacións de promoción das pemes galegas no exterior financiando o 60% desas operacións
Alberto Núñez Feijóo avanzou hoxe que o Goberno galego porá en marcha, por primeira vez, unha liña de axudas destinadas a financiar contratos-programa estables nos centros tecnolóxicos e de investigación galegos. Deste xeito, o Executivo autonómico investirá 4,5 millóns de euros anuais para lograr a atracción e retención de talento e para os equipamentos e subcontratacións dos ditos centros.
“Hoxe poñemos en marcha, por primeira vez, unha liña de axudas para financiar contratos-programa estables cos centros tecnolóxicos; o investimento: 4,5 millóns de euros; e o obxectivo: asinar este mes contratos-programa estables cos cinco centros tecnolóxicos de Galicia, cinco centros tecnolóxicos que teñen un atractivo de carácter nacional”, explicou Feijóo.
“Os centros tecnolóxicos, en consecuencia, van ter un financiamento estable para a atracción e retención de talento, para equipamento e subcontratación”, engadiu, durante a rolda de prensa tras o Consello da Xunta, que hoxe abordou un informe relativo ás axudas a través de contratos-programa de centros tecnolóxicos e centros de coñecemento, no marco do convenio da Estratexia Española de Innovación E2I.
Deste xeito, os cinco centros tecnolóxicos galegos, “que contan cun recoñecemento de excelencia a nivel estatal”, poderán beneficiarse desta iniciativa: son AIMEN, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), ANFACO-CECOPESCA, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CETAG) e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), que disporán de 2,3 millóns de euros anuais para o seu mantemento ata o ano 2015.
O resto da contía, 2,2 millóns de euros, repartiranse entre o resto de centros de coñecemento galegos, entre os que se atopan a Plataforma de Innovación Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, ou os centros situados en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ou do Instituto Español de Oceanografía (IEO).
“Son en total 4,5 millóns de euros ao ano para blindar economicamente esta liña de actuación entre o ano 2013 e o ano 2015”, incidiu Feijóo ao respecto.
Abrir as empresas ao mercado exterior
Na rolda de prensa, o mandatario galego tamén resaltou que a Xunta inxectará 10 millóns de euros para promover a internacionalización das empresas galegas, posto que, segundo subliñou, “Galicia non pode resignarse a considerar o mercado galego e español como único obxectivo, e o mercado exterior é o campo idónea para buscar alternativas de creación de emprego”.
Esa aposta pola internacionalización canalizarase a través dos programas Foexga e re-Export. De acordo ao primeiro deles, a Xunta financiará o 60 por cento das operacións encamiñadas a promover misións empresariais das pemes galegas en países do exterior, e viceversa, e a presenza das nosas empresas en feiras internacionais. Neste punto, destacou que no 2012 Galicia realizou 79 misións ou encontros empresariais, visitas e participacións en feiras internacionais, e que o obxectivo deste ano é superar as 84 actuacións.
En canto ao re-Export, precisou que os avais concedidos polo Igape poderán garantir ata o 50 por cento do investimento de cada operación, para cubrir os custos de financiamento en materias primas e os de fabricación, envasado e traslado ao exterior dos produtos a exportar. As axudas, engadiu, facilitarán o cobro anticipado dos importes das exportacións contratadas e materializadas. Co re-Export, asegurou Feijóo, a Xunta prevé apoiar 100 operacións de exportación cunha mobilización de 8 millóns de euros de axudas da Comunidade Autónoma.
O mandatario galego salientou que o orzamento destinado á internacionalización empresarial increméntase este ano un 10 por cento con respecto a 2012, mediante distintos programas como o Reacciona; a Rede Pexga, que neste momento está apoiando a 3.000 empresas; o servizo de licitacións internacionais, que leva obtido 62 contratos internacionais con 172 millóns de euros facturados; e o Plan Primex, que ten permitido a implantación de 300 empresas no exterior.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario