Os populares non usamos o termo copago, senón a expresión
corresponsabilidade ou cofinanciación do servizo, porque o que se está pagando
é estritamente o seu custo, sen marxe de beneficio para quen o presta. O
cidadán debe saber que o que se está expondo na sanidade non é para que o
Sistema Nacional de Saúde faga caixa, senón que son fórmulas para garantir a
súa sustentabilidade.
Desde Galicia, reiteramos que a Xunta non estudou en ningún momento a
aplicación de gravame adicional algún á factura farmacéutica. Na actualidade, o
catálogo de medicamentos deu uns resultados altamente positivos sen necesidade
de facer recaer máis gasto sobre os usuarios. O ano pasado aforráronse 100
millóns de euros, e este ano prevese aumentar en 20 millóns esa cifra, coas
medidas adoptadas onte polo Consello da Xunta.
En calquera caso, máis aló das opinións persoais dun dirixente ou
outro, que sempre son respectables, queremos lembrar que os primeiros que
propuxeron reformar o sistema de cofinanciación de medicamentos foron os
propios farmacéuticos, ao expoñer que o SNS non cubra aqueles fármacos de menos
de tres euros. É dicir, neste debate todas as partes están a facer propostas.
Pero como se trata dun problema de todos, deberá ser o Estado xunto coas
autonomías o que tome as decisións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario