Os populares galegos apoiamos a opinión do presidente Feijóo acerca da
sanidade: mentres se garanta que a atención sanitaria é pública, gratuita e
universal, é un debate secundario quen xestione a limpeza dos hospitais, a
compra de materiais ou as cafeterías. Os poderes públicos deben velar por que a
esencia do sistema sanitario sexa público, ao mesmo tempo que inciden na
mellora da súa eficiencia.
A cesión a terceiros de servizos non sanitarios alleos á atención aos
pacientes non é, en ningún caso, a privatización dun hospital. Porque o cidadán
segue sendo atendido polo seu médico, segue sendo curado por un enfermeiro,
segue sendo operado polo cirurxián, sen que iso lle custe un euro máis. Isto
desmonta a pantasma da privatización que tanto proclama o PSOE.
Outra cuestión é que se proceda a un concerto con determinadas empresas
para dar cobertura a unha área de poboación que necesita atención médica de
forma inmediata. Para unha administración, é máis rápido e máis áxil acordar
cun hospital ou un centro de saúde privado que construír un e poñelo a
funcionar. Cando os cidadáns precisan atención, o primeiro é dar resposta á
necesidade no menor tempo posible. Esta é a fórmula que se empregou en Vigo con
Povisa, ata que entre en funcionamento o novo hospital.
Nestes casos, os poderes públicos deben realizar unha labor de
vixilancia e auditoría, xa que a atención sanitaria que se presta ao cidadán
debe ser sempre de calidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario