Galicia foi, é e será a comunidade autónoma que mellor cumpriu co
obxectivo anual de déficit no últimos tres anos e coas contas públicas máis
saneadas de España. O compromiso coa estabilidade orzamentaria é total, e
demostramos que se pode ser leal co Estado blindando os servizos públicos
esenciais.
No entanto, a Xunta considera que o Goberno podía propoñer obxectivos
de déficit máis flexibles para os próximos dous anos, á vista de que Europa deu
un ano máis de marxe a España. Ou polo menos, recoñecer a aquelas autonomías
que foron responsables fronte a aquelas outras que non o foron tanto. Por iso é
polo que se valorase a abstención na votación do Consello de Política Fiscal e
Financeira.
Nun momento no que se require xerar confianza, Galicia será unha vez
máis leal co Estado, e por iso deu o seu voto afirmativo a este proxecto de
consolidación fiscal. Un “si crítico”, porque sacar a España do pozo é un
exercicio colectivo, é unha tarefa de todos, mesmo cando haxa cousas que non
nos gusten ao 100%. A redución de catro décimas para 2013 pode amortecerse coas
subidas tributarias. Do que estamos convencidos é de que Galicia cumprirá o
1,5% este ano, e co 0,7% o que vén.
Que Galicia é unha comunidade solvente e que xera confianza entre os
investidores non o di o presidente da Xunta, senón as axencias de cualificación
e os mercados. Moody's recoñeceu que Galicia merecería mellor cualificación que
España (non pode porque o seu tope é o do Estado), e a débeda autonómica
colócase ao interese máis baixo posible. En Galicia están a facerse as cousas
ben.
No hay comentarios:
Publicar un comentario