
Cómpre reflexionar en todos os ámbitos sobre a necesidade de
introducir elementos de eficiencia no funcionamento do sector público.
Esta preocupación tense traducido no ámbito parlamentario en
importantes decisións adoptadas nesta Cámara ao longo desta lexislatura, como a
redución do soldo da Presidencia nun 15 por cento, dos portavoces
parlamentarios nun 12 por cento e dos demais deputados un 10 por cento, ao que
se sumou a conxelación das percepcións ao longo de toda esta lexislatura.
A reflexión sobre a eficiencia das institucións parlamentarias
pode enfocarse na diminución dos seus custos a través dunha baixada dos
salarios, como xa fixemos, e tamén a través dunha redución do número de
deputados. Como afirmou o Presidente
Núñez Feijóo, cómpre reflexionar se é necesario introducir esta última medida
de eficiencia no sector público, pero tamén que é unha cuestión na que sería bo
coñecer o que opinan os partidos con representación parlamentaria dada a súa
importancia global e porque afecta ao principio de representación.
O Grupo Popular vén de rexistrar a finais da semana pasada unha
petición para que a Mesa adopte un acordo para reducir aos deputados o
equivalente a unha paga extraordinaria sobre as súas retribucións, en liña co
que se vai facer na Administración pública e en coherencia cos acordos
adoptados no Consello de Ministros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario