Recomendamos a Artur Mas que en lugar de buscar culpables noutras
autonomías para a quebra da súa economía se aplique para cumprir o obxectivo de
déficit para este ano, despois de que Cataluña non o fixese nos últimos
exercicios. Entendemos que é máis fácil atacar a Galicia que recoñecer a
verdade, pero así non se lle dan solucións aos seus cidadáns.
Cataluña foi a comunidade que impuxo en 2009 o novo modelo de
financiamento autonómico, do que sae extraordinariamente beneficiada, amén do
compromiso de investimentos de Fomento que arrincou a Zapatero. Galicia saíu prexudicada
daquel sistema. Tres anos despois, Cataluña está ao bordo da quebra e Galicia é
a autonomía máis solvente de España.
Todo iso, a pesar de que Cataluña fai máis de cinco anos que ten AVE
para conectarse coa Meseta, que non está nunha situación de illamento
xeográfico que lle impide internacionalizar plenamente a súa economía, e que
non ten un problema endémico de dispersión e envellecemento poboacional.
Hoxe Galicia pode darlle leccións a Cataluña, por exemplo de como non
pechar hospitais, de como non cobrar diñeiro extra por receita ou de como non
baixarlle o soldo aos seus funcionarios.
No hay comentarios:
Publicar un comentario