viernes, 25 de enero de 2013

Feijóo destaca o éxito dos contratos-programa para mellorar o sistema educativo


  • Subliña que 36.000 alumnos xa están estudando en centros que se someten a un control de avaliación adicional e 3.000 docentes, seis veces máis que no curso pasado, están participando voluntariamente nestes contratos de avaliación
  • No eido universitario, avanza que a Xunta asinou coas Universidades galegas un 53% máis de convenios no segundo semestre de 2012 que no mesmo período do ano pasado

Alberto Núñez Feijóo destacou onte o éxito da segunda convocatoria dos contratos-programa para mellorar a calidade do sistema educativo e diminuír o fracaso escolar, coa participación de 289 centros, o dobre que o curso pasado.

Feijóo precisou, deste xeito, que o 30% dos centros públicos galegos teñen asinado neste curso un contrato-programa de avaliación da calidade educativa, “polo que 36.000 alumnos xa están estudando en centros que se someten a un control de avaliación adicional e 3.000 docentes, seis veces máis que no curso pasado, están participando voluntariamente nestes contratos de avaliación. E dicir, 1 de cada 5 alumnos e 1 de cada 10 docentes están dentro deste programa”.

Desde o punto de vista de cumprimento da mellora de resultados educativos, Feijóo explicou que son cinco as liñas monotorizadas: reforzo, orientación e apoio, “é dicir, actividade docente fóra do horario docente normal para apoiar e orientar a aqueles alumnos que o precisen”; programa de mellora de lectura, escritura e cálculo; mellora da convivencia; redución do abandono escolar; e mellora de nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

O establecemento de indicadores permite, segundo o responsable do Goberno galego, comparar os centros educativos entre si e permite comparar, en consecuencia, o nivel de calidade educativa que se imparte no ensino público. “E permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento tanto do centro como da propia administración educativa para acadar o éxito escolar. É un cambio de cultura, da autoavaliación, da autonomía responsable e un cambio de transparentar os valores e os resultados de cada centro o que supón máis autonomía pedagóxica e organizativa dos centros”.

Así mesmo, subliñou que o número de actuacións incrementouse un 80%, cun investimento total de 3,3 millóns de euros.

Convenios coas Universidades
Polo que respecta as Universidades, Alberto Núñez Feijóo salientou que, ademais  do Plan de financiamento que “supón a garantía de 2.000 millóns de euros de financiamento ás universidades galegas en plena crise económica”, hai que engadir outros convenios “fóra do Plan universitario”, por un importe medio de cada un deles de 60.000 euros. Neste senso lembrou que “levamos feito 26 convenios no segundo semestre do ano 2012, que é un 53% máis de convenios coas universidades que no segundo semestre do ano 2011”.

Os devanditos convenios céntranse en catro actuacións principais que son a mellora da oferta de estudantes (o que representa un 60% dos acordos asinados), a inserción laboral dos estudantes (23% dos convenios), e o apoio a infraestruturas así como o financiamento da investigación (que supoñen un 15% do total).

Feijóo amosouse disposto a seguir apoiando ás Universidades galegas “fronte á dificultade económica que están a pasar todas as administracións públicas”, como se demostra co novo sistema universitario reflectido na Lei de Universidades. Salientou así mesmo que o Campus Vida e o Campus do Mar “seguen sendo obxectivos prioritarios” e avanzou que a adaptación aos títulos do Plan Bolonia quedará completada neste curso. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario