lunes, 4 de febrero de 2013

Feijóo desexa que todo aquel que visite Galicia adopte a condición de galego


  • Afirma que o obxectivo é que o visitante se sinta a gusto coa ampla oferta de turismo rural, en contacto con calquera das setecentas praias ou dos 1.300 quilómetros de costa, disfrutando dun referente en termalismo, a gastronomía e a cultura
  • Incide en que a Comunidade galega ofrece descanso, diversión “e seguimos ofrecendo espiritualidade, da man dese Oitavo Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís que se desenvolverá entre xullo de 2013 e xullo de 2015”
  • Asegura que o Camiño de Santiago é o primeiro <melting pot> da historia, a primeira globalización; “é entorno a ese Camiño onde pode falarse por primeira vez dunhas <nacións unidas> que literalmente camiñan xuntas”
  • Di que Galicia soubo facer do turismo unha empresa colectiva que involucra a todos os estamentos da sociedade galega; “unha multinacional que se renova constantemente para dar sempre ao que nos visite a mellor acollida posible e as máximas experiencias posibles”

Alberto Núñez Feijóo destacou, que Galicia é un destino apto para todos os públicos. “Non nos reservamos ningún dereito de admisión. Desexamos que todo aquel que entre na nosa casa adopte durante a súa estancia a condición de galego, para converterse despois no noso embaixador”, dixo, ao que engadiu que o obxectivo é que o visitante se sinta a gusto coa ampla oferta de turismo rural, “en calquera dos nosos montes e parques naturais que supoñen o 80% do noso territorio, en contacto con calquera das setecentas praias ou dos 1.300 quilómetros de costa, disfrutando dun referente en termalismo, a gastronomía, a cultura”.

Durante a presentación, no stand de Galicia en FITUR, do exemplar Galicia, ¿Me guardas el secreto? Experiencias para descubrir un destino, Feijóo incidiu en que a Comunidade galega ofrece descanso, diversión “e seguimos ofrecendo espiritualidade, da man dese Oitavo Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís que se desenvolverá entre xullo de 2013 e xullo de 2015”.

O responsable autonómico lembrou que mentres hai pobos que se forxan na súa loita contra outros, Galicia fórmase en contacto cos outros. “É a relación co peregrino, o visitante e o viaxeiro a que vai dando forma á nosa idiosincrasia. De cada un aprendemos algo e cada un lévase algo noso”, asegurou, logo de subliñar que o Camiño de Santiago é o primeiro <melting pot> da historia, a primeira globalización, o primeiro gran intento por entender o mundo como un todo. “É entorno a ese Camiño onde pode falarse por primeira vez dunhas <nacións unidas> que literalmente camiñan xuntas”.

Deste xeito, Feijóo afirmou que podemos dicir que Galicia se anticipa ao turismo moderno, xa que non só soubo compartir o segredo da tumba do Apóstolo con todos os pobos do orbe coñecido, senón que adapta a súa mentalidade á súa vocación hospitalaria. 

Así mesmo, recordou que ese Primeiro Itinerario Cultural Europeo que foi o Camiño, sería só o principio dunha serie innumerable de segredos que os galegos imos desvelando para que sexan coñecidos por todo o mundo. “Esta Galicia esperta que nos esconde os seus segredos, soubo facer do turismo moito máis que unha actividade sectorial. Falamos dunha empresa colectiva. Falamos dun empeño que involucra a todos os estamentos da sociedade galega. O turismo é hoxe unha multinacional máis que ten por accionistas a todos os galegos, e que ostenta unha posición de relevancia capital na nosa economía. Esa multinacional renóvase constantemente para dar sempre ao que nos visite a mellor acollida posible e as máximas experiencias posibles”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario