viernes, 1 de febrero de 2013

Feijóo di que próximamente se creará a nova Corporación de Radio e TV de Galicia



  • Asegura que a Comisión técnica prepara toda a documentación necesaria para a fusión, que inclúe un plan plurianual, un plan económico-financeiro e un plan estratéxico de recursos tecnolóxicos e recursos humanos
  • Remarca que o Consello de Administración pasará dos 12 membros actuais a 6

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou onte que antes de que remate o primeiro semestre do ano estará preparada toda a documentación necesaria para a constitución da nova Corporación Radio Televisión de Galicia, que fundirá os tres entes existentes na actualidade nunha única compañía de radio e televisión na Comunidade Autónoma. Afirmou que o obxectivo desta actuación é “reforzar a súa independencia, reducir o Consello de Administración e mellorar a xestión dos medios financiados con fondos públicos”.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o mandatario galego subliñou que a constitución da Corporación Radio Televisión Galicia implicará unha estrutura “máis simplificada” ao fusionar nun único ente a Compañía Radio-Televisión de Galicia, Radiotelevisión de Galicia S.A. e Televisión de Galicia S.A.
Feijóo resaltou que a transformación farase “cumprindo os trámites legais e cos principios de maior eficacia e eficiencia no gasto público”, e apuntou que a Comisión técnica encargada traballa nos trámites “conforme ao previsto”, e prevé ter preparada no mes de xuño “toda a documentación fiscal e societaria suficiente para que o Consello da Xunta poida autorizar definitivamente a constitución da futura e única Corporación Radio Televisión de Galicia”.
Do mesmo xeito, informou de que se están a desenvolver os estatutos da futura corporación e a súa memoria, que deberá precisar os obxectivos e os fins da corporación, “conforme á Lei”. Segundo sinalou o presidente galego, esa documentación incluirá un plan plurianual de actuación, cun plan estratéxico para a posta en funcionamento e o inicio efectivo das actividades da corporación; un plan económico-financeiro que detalle os recursos materiais e orzamentarios necesarios; e un plan estratéxico “para a estimación e dimensionamento dos seus recursos”.O titular da Xunta salientou que con esta iniciativa, o Goberno galego continúa avanzando na aplicación da Lei aprobada polo Parlamento de Galicia para “intentar reforzar a independencia da Corporación, para diminuír o consello de administración -o compromiso é diminuír de 12 a 6 os membros- , e mellorando a xestión dos medios públicos financiados con fondos públicos”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario