- Asegura que todos os camiños do progreso, da convivencia e do benestar conducen a Europa e lembra que a historia nos ensina que a decadencia dos países europeos sempre coincide coa decadencia da idea de Europa
- Dá as grazas a Arlindo Cunha, Carlos Lage, Xerardo Fernández Albor e Fernando González Laxe por ter teimado naquela utopía do eixo atlántico e di que souberon escoitar o sentimento popular; “captaron un fondo vencello de portugueses e galegos que os avatares históricos non foron quen de romper”
- Afirma que a historia fai de nós fundadores da moderna Europa, “e será Europa quen faga que nos reencontremos nunha casa común”
Alberto Núñez Feijóo afirmou, sobre o debate dos orzamentos comunitarios para o período 2014-2020, que sería unha “magnífica noticia” que Galicia manteña o 60% das axudas europeas e “un recoñecemento” a todo o traballo realizado, xa que “levamos –dixo- anos traballando para que Galicia, a pesares de saír do Obxectivo converxencia e sobrepasar o 90% de renda media, siga recibindo fondos europeos no vindeiro período 2014-2020”.
Durante o acto de entrega das medallas de ouro do Eixo Atlántico, Feijóo avogou por unha Europa revitalizada e asegurou que nela temos “o noso camiño, a nosa identidade e a nosa esperanza”. “Europa foi, é e será a solución. Todos os camiños do progreso, da convivencia e do benestar conducen a Europa”, aseverou, logo de recordar que a historia nos ensina que a decadencia dos países europeos sempre coincide coa decadencia da idea de Europa.
Feijóo aproveitou o acto para dar as grazas a Arlindo Cunha, Carlos Lage, Xerardo Fernández Albor e Fernando González Laxe por ter teimado naquela utopía, “porque non todo o mundo foi quen de ver as posibilidades da Eurorrexión, as enerxías agochadas na colaboración transfronteiriza, as potencialidades dun eixo atlántico”. “Eles –dixo- demostran que o futuro é sempre dos valentes. Eles dinnos que o futuro adoita estar inscrito no sentimento popular e que compre escoitalo. Eles fixérono e captaron un fondo vencello de portugueses e galegos que os avatares históricos non foron quen de romper. O eixo naceu na xente antes de facerse institución e converterse nunha gozosa realidade”.
Así mesmo, destacou que estes catro <pais fundadores> posúen unha virtude que os caracteriza por riba de adscricións concretas: “invitan ao diálogo”, dixo, ao que engadiu que todos eles entenderon que poñer unha estrofa galega e portuguesa na gran ópera europea, requiría esforzos mancomunados. “O eixo tiña que xirar en todas as direccións, e poder ser pilotado por diferentes capitáns. Tiña que ser unha ferramenta útil para calquera tempo e calquera circunstancia política. E, certamente, así é. Arlindo Cunha, Carlos Lage, Xerardo Fernández Albor e Fernando González Laxe, poden ter a satisfacción de ver a súa utopía plasmada nunha ilusionante e fértil cooperación entre o Norte de Portugal e Galicia”.
Feijóo referiuse ás palabras que figuran na Declaración que fai Robert Schuman o 9 de maio de 1950 no Quai d’Orsay: <Europa farase grazas a realizacións concretas, que creen en primeiro lugar unha solidariedade de feito>, e afirmou que galegos e portugueses, españois e portugueses, soubemos poñer en práctica en realidades como o Eixo Atlántico.
“Temos o orgullo de poder dicir que aquí puxemos unha pedra máis do edificio europeo. Fixémolo empurrados por unha tradición hospitalaria e unha vocación de pobo global que une dende sempre a Galicia e Norte de Portugal. Somos pobos que non nos entendemos como reduto, senón como proxección”, subliñou.
Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que galegos e portugueses somos pobos de acollida, de intercambio, que sempre se sentiron partícipes de grandes ambicións. “Por iso a idea de Europa nunca nos resultou allea. Fixemos Europa e Europa fíxonos”, dixo, ao que engadiu que a historia fai de nós fundadores da moderna Europa, “e será Europa quen faga que nos reencontremos nunha casa común”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario