jueves, 28 de marzo de 2013

Aprobada unha iniciativa para fomentar o espíritu emprendedor entre a mocidade


O PARLAMENTO APROBA UNHA INICIATIVA DO PPDEG PARA O FOMENTO DO ESPÍRITU EMPRENDEDOR ENTRE A MOCIDADE GALEGA


• Javier Dorado destacou o impulso da actual Xunta do PPdeG ao emprendedurismo “financiando máis de 711 proxectos xuvenís con preto de 2 millóns de euros”, o impulso a unha Lei de Emprendedores “con máis recursos e novas facilidades para a financiación” e as xestións do Presidente do Goberno español en Bruxelas na busqueda de recursos para un plan de emprego xuvenil


• Para o deputado popular este é o mellor momento para a elaboración do programa “xa que necesitamos máis que nunca recursos e confianza, os mozos queren dirixir o seu futuro e facelo en Galicia e temos que darlles confianza e protagonismo para axudar a sacar a este país da crise”


O Parlamento aprobou, na sesión plenaria celebrada onte, unha iniciativa do PPdeG encamiñada a por en marcha un programa de Iniciativa Xove Emprendedora de fomento da participación xuvenil que permita aos mozos e mozas pór en marcha proxectos propios onde ensaiar ideas innovadoras e novas fórmulas de emprendemento e empregabilidade. Os beneficiarios deste programa serán tanto asociacións xuvenís legalmente constituídas como grupos informais de mozas e mozos que acorden unirse ao redor dun proxecto xuvenil viable e convertible en proxecto empresarial, segundo indicou o voceiro de Xuventude do PPdeG, Javier Dorado, autor da iniciativa.


Javier Dorado defendeu a proposta como “un proxecto en positivo, centrado nas posibilidades das persoas mozas que pasan por unha difícil situación no conxunto de España e que aínda tendo moitos deles unha magnífica formación atópanse sen emprego e sen perspectivas certeras de futuro, para que o seu mérito e esforzo conte cun recoñecemento merecido”.


“O programa ten como obxectivo fundamental o fomento desta participación xuvenil e a proliferación de proxectos e iniciativas que a medio e longo prazo poidan converterse en proxectos empresariais que xeneren emprego e riqueza para o noso país” segundo o deputado popular quen indicou que o propósito é estimular o seu espírito de protagonismo e liderado, así como a creatividade e o talento dos xovenes do noso país.


IMPULSO DA XUNTA AO EMPRENDEDURISMO

O deputado popular recordou que xa na última lexislatura o goberno do PPdeG na Xunta de Galicia impulsou numerosas iniciativas a prol do emprendedurismo e a iniciativa dos mozos. Así destacou o programa Iniciativa Xove co que se lograron financiar máis de 711 proxectos xuvenís, cun investimento superior a 1.900.000 euros e que no 2013 “vólvese a incrementar o orzamento para o programa nun 3,55%”. Tamén destacou a confianza que a Xunta de Galicia deposita na mocidade “co adiantamento do 80% do financiamento do proxecto unha vez aprobado”.


Javier Dorado destacou así mesmo a recentemente aprobada Lei de Xuventude, garante dos dereitos dos mozos e as mozas con voz e voto nas decisións máis importantes tomadas polo Executivo e que lle afecten directamente “e que foi rexeitada polas forzas que hoxe ocupan as bancadas da oposición”.


Segundo o voceiro de Xuventude do PPdeG “é necesario fomentar a participación directa da mocidade, que teñan unha actitude activa e non pasiva e unha participación baseada nos valores do mérito e do esforzo que conte co recoñecemento da Xunta e dos diferentes organismos relacionados”.


LEI DE EMPRENDEDORES

Javier Dorado enmarcou a iniciativa nun momento “especialmente interesante” xa que está en proceso a elaboración da Lei de Emprendedores impulsada pola Xunta “e trátase dun marco favorable para a creación de novas empresas e a solidez de novos proxectos xa que configura menos obstáculos, máis recursos e novas facilidades para o financiamento o que contribuirá a dinamizar o mercado de traballo e se traducirá nun incremento do 60% na taxa de emprendemento nos próximos catro anos, alcanzando a cifra de 130.000 emprendedores”.


O deputado popular tamén destacou as xestións do presidente do Goberno, Mariano Rajoy en Bruxelas recentemente na búsqueda de recursos para a elaboración dun plan de emprego xuvenil co resultado de 3.500 millóns de euros e 100 medidas na loita contra o desemprego “tendo como máxima prioridade a alfombra vermella para emprendedores”.


Para Javier Dorado “este é o mellor momento para a elaboración dun programa destas características como complemento ao posto en marcha polas diferentes administracións xa que necesitamos máis que nunca recursos e confianza, os mozos queren dirixir o seu propio futuro e facelo en Galicia e temos que estar á altura das circunstancias e darlles esa confianza e protagonismo do seu futuro para axudar a sacar a este país da crise”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario