- Recorda que os datos sobre o déficit volven poñer de manifesto a solvencia de Galicia en 2012, como ocorreu en 2009, en 2010 e en 2011, “e como estou seguro que entre todos imos volver a conseguir neste ano 2013”
- Insiste en que “a alianza entre os galegos e os gobernos responsables permitirá que a nosa terra supere os lastres que tiña hai uns anos e poida encarar a recuperación económica con maior fortaleza”
- Amais de formar parte desa xeración que impulsa “o rexurdir económico da nosa terra”, lembra que en José María Rivera dáse unha circunstancia singular: a capacidade de transmitir os seus anhelos ás xeracións
- Refírese a Estrella Galicia como unha gran lección que é preciso aproveitar nos tempos que corren: “Non hai dificultades que non poida superar unha sociedade forte na que se xunten os valores do traballo e do emprendemento”
Alberto Núñez Feijóo afirmou que a evolución do PIB no pasado ano 2012, e do Índice de Produción Industrial, cun mellor comportamento que a media nacional, “proban que estamos no bo camiño para iniciar un novo modelo de crecemento que saiba aprender dos profundos erros cometidos no pasado”.
Durante o acto de inauguración das novas instalacións da factoría Estrella Galicia, e logo de precisar que, a pesar da recesión, en Galicia o Índice de Produción Industrial sube un 1,3 por cento e en España desplómase por riba do 8 por cento; Feijóo asegurou que estes indicadores proban que “o camiño é dificilísimo, pero que estamos na dirección axeitada”. E sostivo que para acadar este obxectivo, amais dos emprendedores, cóntase tamén co compromiso da Xunta.
Así mesmo, recordou que os datos que onte se coñeceron sobre o déficit volven poñer de manifesto a solvencia de Galicia en 2012, como ocorreu en 2009, en 2010 e en 2011, “e como estou seguro que entre todos imos volver a conseguir neste ano 2013”. E insistiu en que “esta alianza entre os galegos e os gobernos responsables permitirá que a nosa terra supere os lastres que tiña hai uns anos e poida encarar a recuperación económica con maior fortaleza”.
“Queremos unha Galicia aberta”, dixo, e recordou que os protagonistas desta dinastía familiar están hoxe aquí como unha das grandes insignias da galeguidade empresarial porque souberon mirar con perspectiva, ter confianza nas propias forzas e buscar sen cesar as posibilidades que nos ofrece o mercado. “O que hoxe conmemoramos –incidiu- é unha mostra de confianza en vós mesmos, e tamén en Galicia. Con este acto estades dicindo que Estrella Galicia ten un futuro por diante, e que nese futuro vai acompañar a unha Galicia que debe saír reforzada da crise”.
Feijóo salientou que esta inauguración é un fito nunha longa historia que empeza en 1856 co nacemento de José María Rivera Corral, nacido nunha Galicia en crise, onde as fontes tradicionais da súa economía estaban tan esgotadas como as súas enerxías vitais. “Nesa terra e nese tempo ven ao mundo o fundador desta dinastía, e diante desa terra e dese tempo decide rebelarse”, afirma, logo de recordar que José María Rivera forma parte desa xeración que impulsa “o rexurdir económico da nosa terra”.
“José María Rivera Corral é un dos máis destacados. Pero nel darase unha circunstancia singular: a capacidade de transmitir os seus anhelos ás xeracións. Neste caso, o pulo do pioneiro foi capaz de atravesar épocas e situacións diferentes sen esmorecer nunca. Nun curioso cambio do destino, aquel home que se embarca cara América sen máis patrimonio que a ilusión, pon a semente dunha empresa que hoxe é unha multinacional. Unha Galicia que emigraba e unha Galicia que se expande. En moitos lugares onde Galicia era sinónimo de emigrante, agora é sinónimo de empresas que compiten e gañan”, engadiu.
Feijóo concluíu a súa intervención, referíndose a esta empresa galega como unha gran lección que é preciso aproveitar nos tempos que corren: “Nada é imposible. O destino escribímolo nós. Non hai dificultades que non poida superar unha sociedade forte na que se xunten os valores do traballo e do emprendemento”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario