lunes, 22 de abril de 2013

Á oposición gustaríalle que os acordos con Pemex fracasaran pero non será así


Prado cre que a oposición querería que os acordos con Pemex fracasaran pero asegura que non será así


• Destaca que os populares están en sintonía coas familias que teñen o seu diñeiro en preferentes e traballan para que se lles devolva o 100% dos seus aforros

• Asegura que hai outras vías de diálogo distintas aos escraches e todos os políticos están abertos para abordar cos cidadáns os problemas que queiran trasladarlles



A voceira do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, cre que a oposición querería que os acordos con Pemex fracasaran pero asegura que non será así.


Así se expresaba a voceira dos populares galegos nunha entrevista para Radio Nacional de España, onde lembraba que Feijóo se reuniu esta semana co presidente de México, Enrique Peña Nieto, despois de terse chegado a acordos co seu predecesor, Felipe Calderón, e conseguiu que o novo mandatario os ratificara.
Para Prado, o que trouxo Feijóo de México son boas noticias para o naval, e se a oposición dubida diso non fará falla moito máis tempo que este semestre para saber que son unha realidade e que, efectivamente, a preocupación do presidente da Xunta é manter os postos de traballo para este sector. Como reiterou, en cen días coñecerase xa a realidade desas cuestións que se foron a tratar a México.


A voceira dos populares galegos apuntou tamén que as reunións de México traen acordos importantes non só para a construción de floteis senón tamén porque parece que Pemex vai entrar a participar nalgún estaleiro galego que opera en Galicia.
Neste senso, Prado tamén considera importante deixar traballar agora ás empresas, para que culminen os acordos no tempo que se teñen marcado.


SOBRE A CAMPAÑA DA ESQUERDA CONTRA FEIJÓO


No relativo á campaña organizada pola esquerda contra Alberto Núñez Feijóo, Prado apuntou que o asunto o que fixo foi unir máis ao PP arredor da figura do seu presidente. Feijóo recibiu apoio unánime non só do partido senón tamén de membros do PSOE.


Neste senso, lembrou que tres ex presidentes socialistas de comunidades autónomas chamaron para darlle o seu apoio e dicirlle que estaban en contra da deriva que estaba levando a cabo Manuel Vázquez, facendo oposición con este asunto.
Segundo Prado, cuestións deste tipo separan máis ao PSOE. Algúns dos seus membros, como Paco Vázquez ou Joaquín Leguina desmarcáronse públicamente desta forma de facer oposición.


A POSTURA DO PP SOBRE AS PREFERENTES


No relativo á postura dos populares con respecto ao asunto das preferentes e das quitas, Prado lembrou que desde o partido sempre se insistiu en que a todas as familias que fosen aforradoras se lles devolvese o 100% do seu diñeiro. Por este motivo, a Xunta puxo en marcha o sistema da arbitraxe, facilitando que todos os afectados puidesen acudir a el para recuperar os seus cartos.
Neste senso, criticou a campaña que iniciou o BNG para declarar ‘persoas non gratas’ aos deputados do Congreso que teñen que votar ‘si’ á cuestión das quitas, posto que se trata dunha das estritas normas impostas pola Unión Europa, que é quen está prestando aos bancos os fondos para devolver o diñeiro das preferentes.


Para Prado, resulta unha barbaridade esta actitude e cre que, por esa regra de tres, tamén se podería pedir o mesmo para os deputados que votaron os orzamentos de Zapatero no seu día, que son os que levaron a España ao desastre. Non obstante, a dirixente popular cre que hai que respectar aos compañeiros que están facendo o seu traballo en Madrid e están impulsando medidas que axudarán a saír da crise.
Segundo a voceira do PPdeG, os populares están en sintonía coas familias que teñen os seus cartos en preferentes e intentan traballar para que se lles devolva o 100% dos seus aforros. Así, en Galicia xa hai 15.000 familias que recuperaron todos os seus aforros co arbitraxe e, desde a Xunta, concretamente desde o Instituto Galego de Consumo, seguirase poñendo ese recurso ao alcance dos afectados.

SOBRE OS ESCRACHES


Preguntada polo asunto dos escraches, Prado fixo fincapé en que dedica moitas horas ao día ao seu traballo, a intentar mellorar a calidade de vida dos cidadáns. Neste senso, lamentou que o pouco tempo da súa vida privada do que dispón teña que someterse a que lle organicen unha manifestación diante da súa casa e os seus fillos escoiten todo tipo de insultos.


Para a voceira dos populares galegos, os escraches non son a vía axeitada para resolver os problemas e considera que todos os políticos dispoñen de horas de traballo suficientes para poder recibir a calquera persoa que lles queira trasladar un problema ou unha inquedanza. Con respecto a isto, considera que hai que respectar os domicilios onde os representantes públicos deixan de ser políticos para ser persoas.
Ir á casa dun político a insultalo para que mude a súa opinión sobre calquera tema non é a forma máis axeitada e, como lembrou Prado, hai outras vías de diálogo e todos os políticos están abertos para abordar coa xente os seus problemas e intentar solucionalos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario