miércoles, 8 de mayo de 2013
O Parlamento debaterá unha proposta para que Vigo cumpra o convenio do novo hospital
O PLENO DO PARLAMENTO DEBATERÁ UNHA PROPOSTA DO GRUPO POPULAR QUE INSTA Á XUNTA A ADOPTAR AS MEDIDAS OPORTUNAS PARA QUE O CONCELLO DE VIGO CUMPRA O CONVENIO ASINADO PARA A CONSTRUCIÓN DO NOVO HOSPITAL PÚBLICO
• Tamén se debaterá a toma en consideración das iniciativas lexislativas populares sobre aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía; e para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galicia
O Pleno do Parlamento de Galicia debaterá a vindeira semana a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que para garantir a construción do novo Hospital Público de Vigo estude os mecanismos oportunos recollidos na lexislación para acadar que o Concello de Vigo cumpra o convenio asinado co Goberno galego a través do que a entidade local asume a execución das infraestruturas urbanísticas precisas que garantan os servizos necesarios para o funcionamento deste centro sanitario. Así mesmo, o Grupo Popular incorporou outra proposición en materia de política lingüística, na busca de recobrar o espírito de consenso nesta materia entre todas as formacións políticas.
Logo da xuntanza da Xunta de Portavoces preparatoria da sesión plenaria da vindeira semana, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, explicou que se introduciron na orde do día as dúas iniciativas lexislativas populares que se atopan rexistradas no Parlamento galego: a referida ao aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía; así como para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos.
“Esta decisión implica que no prazo dun mes desde que están en disposición de entrar en sesión plenaria xa van ser debatidas, o que pon de manifesto que este Parlamento, coa nova maioría do Partido Popular e a diferenza do que acontecía no pasado, está disposto a tramitar e respecta esta forma de participación cidadá nos procedementos lexislativos”, sinalou Pedro Puy.
Xunto a estas dúas iniciativas lexislativas, no Pleno da vindeira semana tamén se debaterá o proxecto de lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicación en Galicia.
O portavoz popular tamén informou que o Goberno galego solicitou a comparecencia da conselleira de Facenda, que pechará o ciclo de intervencións dos conselleiros en sesión plenaria para dar conta dos obxectivos e liñas xerais dos seus departamentos na presente lexislatura. “Sorprendentemente, o Grupo Socialista dixo que xa daba cumprida esta comparecencia con motivo da explicación dos orzamentos, cando a política desenvolvida desde a Consellería de Facenda é moito máis ampla e ten moitas outras cuestións que debater ademais da política orzamentaria anual”, dixo.
DECISIÓN DE REMATAR O NOVO HOSPITAL PÚBLICO
A continuación, Pedro Puy fixo referencia ás dúas proposicións non de lei incorporadas polo Grupo Popular á sesión plenaria. A primeira delas, sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para garantir a construción do novo Hospital Público na área sanitaria de Vigo. Neste sentido, afirmou que “tanto desde o Goberno galego como desde o Grupo Parlamentario temos a firme decisión de rematar a construción do hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo”.
Puy recordou a existencia dun convenio de colaboración “asinado por parte dun Goberno municipal, daquela rexido por unha representante do Partido Popular, e por un Goberno autonómico, nese momento en mans de socialistas e nacionalistas, que o concello vigués incumpre e que levou á Xunta a tomar a decisión de non paralizar esa obra na cidade de Vigo e acometer con fondos propios a dotación dos servizos deste centro sanitario”. “O que imos facer, partindo do suposto de que os pactos son para ser cumpridos e da importancia de que Vigo conte con este novo hospital público, é instar á Xunta a que faga cumprir as obrigas asumidas polas dúas partes no pasado, incluíndo a adopción de calquera medida xudicial que se poida adoptar ao respecto”, apuntou o portavoz popular.
Respecto á segunda proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular, Puy dixo que ten que ver coas actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en materia de política lingüística. En concreto, avanzou que o Pleno celebrarase dous días antes do Día das Letras Galegas, polo que “entendemos que é unha boa ocasión para intentar recobrar o espírito de consenso en materia lingüística” por parte de todas as formacións políticas.
ESPÍRITO DE CONSENSO
Pedro Puy sinalou que o Goberno galego axustou e se comprometeu a cumprir as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación co decreto 79/2010, que regula o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia “e a partir de aí queremos dar os pasos oportunos que permitan afrontar un proceso de diálogo coas principais institucións e organizacións parlamentarias co obxectivo de contribuír a dar un novo impulso á política lingüística, baseada no respecto escrupuloso da Constitución, o Estatuto de Autonomía e da Lei de Normalización Lingüística de Galicia”.
Neste sentido, amosou a súa confianza en que “haxa espírito de consenso por parte dos demais grupos, que hai ben pouco estaban demandando que, como primeiro paso para recuperar os consensos lingüísticos, o Goberno galego non recorrese ao Tribunal Supremo as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.
Finalmente, o Grupo Popular formulará dúas preguntas ao Goberno galego. A primeira, sobre a valoración da Xunta de Galicia respecto do acordo polo que a empresa mexicana PEMEX entraría a formar parte do accionariado do estaleiro Hijos de J. Barreras de Vigo. “Trátase dunha excelente noticia e unha decisión que está a demostrar distintas concepcións sobre o que debe ser a política económica no mundo actual”. A segunda pregunta do grupo Popular é sobre o cumprimento dos obxectivos da Rede Eusumo, creada para o fomento do cooperativismo e a economía social, en especial no actual contexto económico.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario