miércoles, 29 de mayo de 2013

O PP apoia a proposición de lei que pide a retirada das quitas aos preferentistas

O portavoz popular Pedro Puy afirmou que “se trata dun chanzo máis na procura dun fin que é compartido: que o 100% dos enganados con preferentes recuperen o 100% dos seus aforros”


O GRUPO POPULAR APOIA A PROPOSICIÓN DE LEI QUE SOLICITA A RETIRADA DAS QUITAS PARA OS AFECTADOS POR PARTICIPACIÓNS PREFERENTES ESTABLECIDA NA LEI 9/2012


• “Todas as vías para que as vítimas por preferentes recuperen os seus aforros son válidas, pero o mellor neste momento é a arbitraxe, unha iniciativa posta en marcha de forma pioneira a nivel nacional polo Goberno galego”, sinalou


Santiago de Compostela, 28 de maio de 2013.- O Grupo Popular apoiou hoxe a toma en consideración da proposición de lei do BNG para a súa presentación perante o Congreso dos Deputados dirixida á reforma da Lei 9/2012 de reestruturación e resolución de entidades de crédito que permita retirar as quitas establecidas para os afectados por participacións preferentes. O portavoz popular, Pedro Puy, manifestou que se trata “dun chanzo máis na procura dun fin que é compartido: que o 100% dos enganados con preferentes recuperen o 100% dos seus aforros”.


Pedro Puy reiterou que desde o Partido Popular “estamos a favor dunha solución para que os enganados polas preferentes recuperen a totalidade dos seus aforros”. Neste sentido, apuntou que “todas as vías son útiles, tanto a xudicial, como a arbitraxe, as denuncias da Fiscalía ou as xestións do Valedor do Pobo e a Defensora del Pueblo”, pero destacou “que o mellor neste momento é a arbitraxe, unha iniciativa posta en marcha de forma pioneira a nivel nacional polo Goberno galego”.


18.000 ARBITRAXES FRONTE A 82 SENTENZAS XUDICIAIS


Na súa intervención, o portavoz popular subliñou que, “pese ás reticencias iniciais dalgúns, a través da vía da arbitraxe máis de 18.000 persoas xa teñen recuperado os seus aforros, fronte ás 83 sentenzas xudiciais que a entidade tivo que atender para a devolución dos aforros de afectados por preferentes”. “Estamos ante un sistema que é público, ninguén se lucra do mesmo e, ademais, é a vía que acepta a Comisión Europea”, indicou.


Á marxe das actuacións levadas a cabo para a posta en marcha da vía da arbitraxe, Puy salientou o traballo desenvolvido tanto polo Goberno da Xunta como polo Partido Popular para a atención dos afectados. “Se tramitaron e se colaborou con todas as institucións que teñen competencia na materia, como a Comisión Nacional do Mercado de Valores, o Banco de España e o FROB, así como o Ministerio Fiscal, ao que se trasladaron máis de 2.000 expedientes que serviron de base para que se actuara nesta cuestión”, apuntou.


Neste sentido, Puy anunciou que “a Xunta de Galicia está tendo conversas co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para que aquelas persoas que se decidan por acudir á vía xudicial teñan unha rápida tramitación da súa demanda”.


MALA XESTIÓN E SUPERVISIÓN


O portavoz popular recordou que o problema das preferentes deriva “dunha mala xestión e supervisión no tempo que se comercializaron este tipo de produtos financeiros”, polo que acusou á CNMV de “non cumprir a súa misión e posibilitar esta situación”. Referíndose a Galicia, explicou que “das nove emisións de participacións preferentes que se fixeron, oito se aprobaron durante a etapa do Goberno socialista”, polo que criticou a incongruencia dos socialistas ao poñerse “á fronte das manifestacións duns estafados por unha mala xestión realizada polos seus gobernos”.


Para rematar, Pedro Puy asegurou que no Partido Popular “sempre estivemos a favor de que os estafados recuperen a totalidade dos seus aforros” e avogou por “apoiar a vía da arbitraxe, como se fixo nas últimas semanas ao multiplicar por dous os laudos admitidos”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario