Rueda destaca a necesidade de reducir o número de deputados e lamenta que a oposición non queira abordar o asunto
• Nunha entrevista na Radio Galega, di que coa dialéctica das puñadas non se vai a ningunha parte e cre que esa actitude retrata tanto a Beiras como ao seu partido, AGE
• Lamenta o seguidismo crecente que tanto PSOE como BNG fan de AGE e apunta que é difícil recoñecerlle a Pachi Vázquez algún tipo de autoridade para falar co Goberno cando non a ten nin no seu propio partido
• Asegura que o Goberno galego segue facendo todo o posible para solucionar a situación de todos aqueles que foron estafados coas participacións preferentes
O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, destacou onte a necesidade de reducir o número de deputados a 61 en aras de aforrar diñeiro ás arcas públicas e lamentou que a oposición se negue a abordar o asunto.
Nunha entrevista na Radio Galega, o dirixente popular apuntaba que, se se pode seguir funcionando custando menos diñeiro aos cidadáns, “por qué non facelo?” e, no relativo á cuestión dos deputados, non ve razoable que a oposición non estea disposta a falar de reducir un só parlamentario.
Neste senso, Rueda lembrou que antes de que se convocaran as eleccións autonómicas a oposición alegaba que os populares querían reducir deputados porque senón non gañarían, cando o certo é que, sen a redución, o PPdeG non só gañou senón que subiu escanos.
Polo tanto, ningunha desas historias sobre cálculos electorais, busca de subterfuxios ou dobres xogos é certa e destacou que o único que queren os populares é establecer unha medida razoable en tempos onde o que se pide é reducir todos os organismos públicos, como o Parlamento.
Así mesmo, Rueda engadiu que á hora de reformular a lei electoral os populares están dispostos a falar coa oposición de todo o que teña que ver con ela. De feito tamén plantexan establecer modificacións legais para que ninguén que presente delitos contra a facenda pública poida ser candidato ou regular os tempos dos debates por lei.
SOBRE O SECTOR NAVAL GALEGO
No relativo ás novidades sobre Pemex e o sector naval galego, Rueda apuntou que as negociacións foron un proceso complicado, posto en dúbida pola oposición desde o principio.
Rueda destacou que Pemex anunciase esta semana a súa decisión de investir nun estaleiro galego que, ademais, non tiña encargos, pero grazas a ese investimento vainos a ter de novo.
Segundo o secretario xeral dos populares galegos, o que se agarda é que se vaian concretando xa os pedidos e que esas gradas que agora están baleiras comecen a construír barcos e a xerar traballo para moitas persoas.
Rueda puxo en valor, por tanto, a labor de Feijóo á hora de saír a buscar traballo para os estaleiros no exterior e vender as capacidades das empresas que hai na comunidade.
Así mesmo, lembrou que “traballo chama a traballo” e cando se vexa o que son capaces de facer os estaleiros galegos, posiblemente outras empresas poñan as miras en Galicia.
Con respecto a Ferrol, afirmou que se percorreu un camiño complexo pero que se mantén o de construír barcos nos estaleiros da cidade, polo que tamén verán que chega por fin carga de traballo para o naval.
A RELACIÓN COA OPOSICIÓN
Preguntado sobre se o PPdeG tomará algún tipo de iniciativa polo episodio protagonizado por Beiras a pasada semana, Rueda apuntou que o líder de AGE ou pide desculpas ao pobo galego, ou debe irse.
Para Rueda, esa mensaxe que parece que queren introducir Beiras e AGE de que a lexitimidade dos votos non vale de nada e que o que hai que facer é ameazar e pegar puñadas nun escano non fai máis que retratalos.
Segundo o dirixente popular, a próxima vez que se vexan no Parlamento os populares farán o de sempre, que é pedir respecto e seguir lembrando que coa dialéctica das puñadas non se vai a ningunha parte.
No relativo á relación co PSOE, Rueda sinalou o seguidismo crecente que tanto este partido como o BNG fan de AGE e, cada vez máis, se pon en dúbida se realmente vai haber interlocución cos socialistas. Neste senso, lembrou tamén que as liortas internas do PSOE transcenden fóra e cando un partido non ten líder claro perde moito tempo mirando cara dentro, polo que é moi complicado que saia un interlocutor para poder falar en serio.
Así mesmo, Rueda apuntou que o PSOE está a marcar distancias con Pachi Vázquez e engadiu que é complicado recoñecer algún tipo de coherencia ou autoridade para falar co Goberno a quen non a ten no seu propio partido.
SOBRE PREFERENTES
Rueda subliñou que o Goberno galego segue facendo todo o posible para solucionar a situación de todos aqueles que foron estafados. Así, seguen as arbitraxes e, grazas a elas, moita xente segue recuperando os seus cartos. Segundo o dirixente popular, mentres segue aberta a vía da arbitraxe, o Goberno galego seguirá apostando por ela. Despois queda a vía xudicial, na que tamén se fará todo o posible para que esas demandas se poidan resolver rapidamente, con axilidade e xustiza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario