miércoles, 26 de junio de 2013

Feijóo apela á unidade de todas as forzas políticas para blindar o futuro do naval



Feijóo apela á unidade de todas as forzas políticas para blindar o futuro do naval e evitar a inxustiza de que se condene ao sector coa devolución do tax lease

  • Garante o compromiso do Goberno central na defensa dos intereses dos estaleiros galegos e propón ao PSdeG que traballe conxuntamente co comisario Almunia para que se sume a este obxectivo
  • Salienta que nestes seis primeiros meses de goberno, a pesar da crise económica, “hai máis servizos públicos, hai máis calidade nos servizos públicos e os ratios económicos son mellores que a media de España”
  • Destaca que a Xunta ten remitido ao Parlamento toda a información dispoñible na Consellería de Facenda sobre a xestión das caixas e recorda que está a disposición de todos os deputados 

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, fixo hoxe un chamamento á unidade de todas as forzas políticas para atopar unha solución que protexa o futuro do sector naval e evitar a inxustiza de que se condene aos estaleiros galegos coa devolución do tax lease.


Neste senso, en igualdade de condicións con outros países da Unión Europea, pediu que se atenda ao principio de confianza lexítima porque, na súa opinión, todos aqueles que contrataron conforme a lexislación vixente en España non poden agora verse prexudicados por cumprir a lei dun Estado membro.


“Este Parlamento e vostede –dixo en alusión ao voceiro do Partido socialista- estamos de acordo en que sería unha inxustiza manifesta condenar ao sector naval galego e ao sector naval español e condonar ante un mesmo suposto ao sector naval francés”, aseverou e, por iso, pediu ao PSdeG que traballe conxuntamente co comisario competente nesta materia, Joaquín Almunia –tamén socialista--. Na mesma liña, garantiu o compromiso do Goberno central neste mesmo obxectivo.


Máis servizos públicos e con máis calidade
Durante a sesión de control, o presidente da Xunta referiuse tamén á situación económica de Galicia e, logo de reiterar que o paro sigue a ser a primeira preocupación do Executivo galego, lembrou que nestes seis primeiros meses de goberno, a pesar da crise económica, “hai máis servizos públicos, hai máis calidade nos servizos públicos e os ratios económicos son mellores que a media de España”.


“O 60% dos rapaces non pagan comedor escolar en Galicia e o 10% pagan un euro; incrementamos 9.000 prazas de comedores escolares; as pensións non contributivas seguen tendo o suplemento máis alto de España; e no eido do sector lácteo, o prezo do leite subiu e conseguimos, por primeira vez, nunha lei estatal a creación da figura dun mediador, dun árbitro entre a industria e os produtores”, precisou, ao que engadiu que, en materia universitaria, Galicia conta coas taxas máis asequibles de España e incrementará o vindeiro curso un 70 por cento as bolsas de primeira matrícula.


Comisión das caixas: 33.000 folios e 187 documentos a disposición dos deputados
No referente á Comisión sobre a xestión das caixas e en resposta a unha pregunta parlamentaria de AGE; Feijóo afirmou que o Goberno galego cumpriu “estritamente” a lei. “Remitimos toda a información ao Parlamento galego: 33.000 folios e 187 documentos. Non hai papel na Consellería de Facenda que non estea a disposición de todos os deputados que representamos a Galicia” aseverou, despois de lamentar que non ocorra o mesmo noutras institucións, “nin na Comisión Nacional do Mercado de Valores, nin na UE, nin no Banco de España, nin en Novagaliciabanco”.


Así mesmo, e no tocante aos afectados polas preferentes, Feijóo reiterou o compromiso da Xunta de seguir axudando aos afectados. “Imos seguir traballando co banco para acadar acordos e, senón, con xulgados especiais para devolverlles o 100% dos seus aforros. Non mudamos e, grazas a non mudar, dous de cada tres galegos que solicitaron a arbitraxe recuperaron o 100% do seu diñeiro. Hoxe, 37.000 persoas teñen o 100% dos seus aforros”, sentenciou. Estas cifras contrastan, segundo puxo de manifesto o presidente da Xunta, cos 250.000 afectados en Bankia, dos que tan só 116 recuperaron o diñeiro.


Por último, e en resposta a unha pregunta do BNG sobre os medios públicos de comunicación en Galicia, o presidente do Goberno galego recordou o que opinaba o anterior goberno sobre este eido e lamentou a manipulación dos medios públicos durante a xestión do Bipartito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario