martes, 4 de junio de 2013

Galicia rexistra unha terceira baixada do paro e mellor comportamento que o Estado

Estamos ante o mellor mes de maio desde o ano 2007. Ademais, a baixada deste ano é seis veces superior á rexistrada o mesmo mes de 2012


Rodríguez Arias destaca que Galicia rexistra unha terceira baixada consecutiva do paro e un mellor comportamento que o Estado


• Subliña que Galicia rexistra unha baixada do paro do 2,26%, fronte ao descenso rexistrado a nivel estatal do 1,97%


• No que se refire á evolución interanual, o incremento de maio a maio foi de 7.278 persoas, o que representa un aumento do 2,63%, fronte ao 15,2% do ano pasado


• Para os populares, estes datos son proba de que se está a conter a destrución de emprego, a pesar diso, non queren caer na autocompracencia e considéranos unha motivación para seguir loitando contra a lacra do paro




A vicevoceira do Grupo Parlamentario Popular, Marta Rodríguez Arias, destacou hoxe que Galicia rexistrou unha terceira baixada consecutiva do paro no mes de maio e un mellor comportamento que o conxunto do Estado.


Como sinala a dirixente popular, no mes de maio Galicia rexistrou unha baixada do paro do 2,26% (-6.573 persoas desempregadas). Así, a nosa comunidade presenta mellores cifras que o Estado, onde o descenso rexistrado foi do 1,97%.


Segundo Rodríguez Arias, Galicia é unha das sete comunidades onde máis baixa o paro en maio en termos relativos e absolutos. Trátase dun dato positivo xa que se vai consolidando a tendencia á baixa das cifras do paro. Así mesmo, Galicia é a quinta autonomía onde menos aumenta en termos interanuais.


Trátase do mellor mes de maio desde o ano 2007. Ademais, a baixada deste ano é seis veces superior á rexistrada o mesmo mes de 2012. Como lembrou Rodríguez Arias, trátase tamén da terceira baixada do desemprego no que vai de ano. En 2012 o paro subía en marzo e abril; e este ano, pola contra, xa encandena tres baixadas consecutivas


No que se refire á evolución interanual, o incremento de maio a maio foi de 7.278 persoas, o que representa en valores porcentuais un aumento do 2,63%, fronte ao 15,2% do ano pasado.


Neste senso, o dato interanual rexistrado este ano comparado co do ano 2009 amosa que o crecemento do paro foi un 85% inferior ao rexistrado daquela. E se se compara coa interanual de maio de 2012, o incremento foi un 80% menor.


Fronte ao comportamento interanual do Estado, os datos de Galicia tamén son mellores. Así, se en Galicia a evolución interanual se incrementa nun 2,63%, na media do Estado aumentou en 3,75%.


Para o Partido Popular de Galicia, estes datos son proba de que se está a conter a destrución de emprego na comunidade e que as medidas que se están a levar a cabo desde o Goberno galego son efectivas para a recuperación económica de Galicia e para retomar a senda do crecemento.


Por outra banda, Marta Rodríguez Arias tamén fixo fincapé en que nos últimos doce meses o desemprego entre os menores de 25 anos reduciuse en ata 30.000 persoas.


A pesar de todos estes datos, os populares galegos non queren caer na autocompracencia e prefiren tomalos como unha motivación para seguir loitando contra a lacra do paro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario