martes, 3 de julio de 2012

MEDICAMENTOS


Os pensionistas galegos non terán que adiantar un euro do seu peto na compra de medicamentos unha vez abonasen o máximo de 8, 18 ou 60 euros que marca a lei en función das súas rendas. As contas saneadas de Galicia permiten adoptar medidas que benefician a quen máis o necesitan. Este, como outros, é o resultado dunha boa xestión económica.

Fronte ao discurso do medo e a falsidade que difunde unha oposición sen rumbo, a Xunta garante que os pensionistas só pagarán o mínimo. O 84% dos 734.000 xubilados galegos non abonarán máis de 8 euros como máximo ao mes, dado que as súas pensións están por baixo dos 18.000 euros ao ano. Outros 50.000 non pagarán nada, por ter pensións non contributivas.

Co lixeiro incremento na cofinanciación dos medicamentos, o cidadán galego pagará de media 4,75 euros máis ao mes. É un pequeno esforzo que se pide á sociedade para garantir a solvencia e a blindaxe dun sistema nacional de saúde público, universal e gratuito que os socialistas deixaron hipotecado e ao bordo da quebra.

Os socialistas son especialistas no “gratis para todos”, xa sexan medicamentos, libros de texto, coidadores, canguros... Pero o que non din é como cunha economía en recesión froito da herdanza deixada por Zapatero vai financiar os fármacos gratis para os pensionistas. Máis impostos aínda, acaso? Ou Pachi vaise a inspirar en Andalucía para baixarlles o soldo aos funcionarios?

Por outra banda, o Goberno central propuxo ás autonomías retirar o financiamento público a 456 medicamentos. Estes fármacos tratan doenzas leves e teñen un custo moi baixo para o cidadán, pero permitirán aforrar ás administracións públicas 440 millóns de euros netos ao ano. A decisión non é unilateral, senón que vén tras un período previo de consultas coas comunidades e o respaldo de varias delas.

Isto non quere dicir que os medicamentos non sexan prescribibles pola sanidade pública, senón que non estarán financiados. Teñen todas as garantías médicas. Só se farían excepcións con enfermos crónicos, en casos indicados polos médicos. Retíranse medicamentos para a tose, a diarrea, o estreñimento, a conxestión nasal ou os mucolíticos.

O PSOE deixou a sanidade pública ao bordo da quebra, cunha débeda acumulada de 15.000 millóns de euros con provedores. Todas as medidas adoptadas polo Goberno de Rajoy van encamiñadas a garantir a sustentabilidade do sistema e garantir unha prestación sanitaria gratuita, universal e de calidade. Por iso pídese un pequeno esforzo en aspectos secundarios como a prestación farmacéutica, pero que xera importantes aforros para as administracións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario