lunes, 10 de septiembre de 2012

Feijóo: "En 2009 presentámonos cun proxecto de rigor; agora, co de crecemento"




O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dixo hoxe que “non traballaremos nun programa de partido; o faremos nun programa de Goberno aberto e para toda Galicia”. Un proxecto “prudente”, no que comprometerémonos co que podamos facer pero non prometeremos o que non podamos cumprir. “Será realista”, porque a única forma de cambiar a realidade é partir do seu coñecemento. “Non queremos un programa de aplauso fácil senón uno para gobernar” fronte aos que se presentan hoxe sen validez e que estarán sometidos aos filtros das posibles coalicións.

“A nosa coalición ten que ser cos case tres millóns de galegos”, dixo o candidato, que presidiu hoxe a primeira reunión do Comité redactor do Programa Electoral, encabezado por Pedro Puy, onde se puxeron en común as ideas e propostas nas que os populares están a traballar.

Feijóo destacou que hai catro anos, Galicia marcouse o reto de devolver o rigor ás contas públicas e hoxe os feitos poñen á nosa comunidade como a máis solvente de España e a que máis e mellor controla o déficit. Ese traballo colocou a Galicia nos niveis máis baixos de todo o Estado e por debaixo da media da Unión Europea.

Deste xeito, Galicia ten agora un Goberno que gasta menos en si mesmo, que planifica e que, a través do rigor, ten podido non só manter un nivel de prestacións públicas superior a outras comunidades senón que se ten superado a si mesma.

Así en plena crise, conta con máis prazas públicas de gardería, residencia e centros de discapacidade que hai catro anos; con máis centros de saúde públicos e con novos hospitais públicos en servizo ou en construción e renovados.

Segundo o dirixente popular, Galicia tense anticipado a través do cumprimento do proxecto de rigor que os populares plantexaron hai catro anos e, por riba de todo, está mellor preparada para afrontar unha situación como a que estamos a vivir.

O líder do PPdeG fixo fincapé en que a súa formación ten desenvolvido antes que ninguén, e con máis intensidade, as políticas de rigor e responsabilidade que sitúan á nosa facenda pública nunhas condicións ás que o resto de comunidades aspiran agora.

Por iso, Feijóo pediu ao equipo redactor que, mantendo as políticas de rigor que fan de Galicia unha comunidade con capacidade de resolver problemas en lugar de ser un máis, intensifiquen as propostas na liña do crecemento.

Deste xeito, se hai catro anos os populares acudiron ás urnas co primeiro proxecto de rigor de España, o próximo 21 de outubro farano co primeiro proxecto de crecemento.

Galicia vai un paso por diante e xa ten desenvolvido ese proxecto de rigor e, agora que logrou que a administración non sexa un problema para os cidadáns, cómpre aproveitar a capacidade de resolución da Xunta para centrar os esforzos nos cidadáns, en especial a aqueles que peor o están pasando.

Así, os populares aproveitarán a planificación estratéxica plantexada e aprobada nesta primeira lexislatura para desenvolvela desde o relativo á planificación territorial aos diferentes plans sectoriais. Así mesmo, o enfoque do investimento público dirixirase cara o emprego que crea emprego.

É dicir, intentarán superar a política económica que soamente busca a subsistencia para dar cunha que signifique permanencia, continuidade e perspectivas de futuro.

O dirixente popular afirmou que “Galicia non pode conformarse con saír do paso; debe aspirar a resolver o seu presente e construír un futuro”. Neste senso, engadiu que non pode conformarse con incrementar sen control nóminas públicas que despois non se poden manter nin esgotando os seus recursos limitados en empregos que durarán o que duren eses recursos; porque entón, os cidadáns quedarán sen emprego e sen administración que os protexa.
Para Feijóo, cómpre investir os recursos públicos naqueles proxectos que crean empregos no momento en que se inician pero, sobre todo, naqueles que garanten emprego no futuro, o que se sustenta baixo os eixos da innovación, o investimento social, o emprendemento e a “necesaria” internacionalización da economía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario