viernes, 7 de septiembre de 2012

Feijóo: ''Os gobernos bipartitos e tripartitos nunca deron bo resultado, e menos en plena crise''


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cre que os galegos deberán optar o 21 de outubro entre o seu goberno, apoiado nun partido "estable" e dedicado a traballar co "escaso diñeiro que hai", e outro de varias forzas políticas máis preocupadas en repartirse "o diñeiro" entre elas.

Así contrapón Feijóo, nunha entrevista con Efe, o seu proxecto, o dun candidato "coñecido", fronte a unha "alianza" de partidos que agora só queren que o PP non revalide a maioría absoluta e que se gobernan someterían toda a súa actuación aos "pactos nos despachos".

O presidente galego recorda que a experiencia dos gobernos bipartitos ou tripartitos "non deu resultados en ningures de España e menos en plena crise económica", e pon exemplos como o tripartito catalán, o bipartito galego (PSdeG-BNG) ou o tripartito vasco.

Por iso considera que o electorado da súa comunidade terá que elixir se quere un presidente cun partido "unido" detrás que o sustenta ou opta por unha "repartición de consellerías, de orzamentos ou dos intereses dos galegos".

TRAS A MATERIA DO DÉFICIT "APROBADA", AGORA TÓCALLE AO PARO
Alberto Núñez Feijóo asegura ''aprobar" nestes catro anos de goberno unha materia que seguen suspendendo boa parte das comunidades, a redución do déficit público, e agora márcase como obxectivo aprobar outra pendente, a do paro. "O reto desta lexislatura foi vencer o déficit e o da seguinte é vencer a crise", continúa Feijóo.

Ademais advirte de que nesta campaña electoral é a súa "obrigación" comparar Galicia co resto de comunidades autónomas, porque a súa, di, está á cabeza no cumprimento dos obxectivos de déficit e non pediu "nin un euro" ao Estado dos 50.000 millóns postos a disposición das comunidades entre os distintos fondos e plans.

"Creo que as cousas non saíron mal" estes anos, di Feijóo, quen insiste en que se presenta á reelección coas "mans limpas", sen deixar un "déficit público oculto" e mantendo os servizos públicos a pesar de que o orzamento, en catro anos, descendeu de 12.000 a 8.500 millóns de euros.

AS ELECCIÓNS GALEGAS NON SERÁN UN TEST AO GOBERNO DE RAJOY
O presidente galego rexeita a tese que ve os comicios do 21 de outubro como un novo test ao Goberno de Mariano Rajoy e recorda neste sentido que o exame entre Rajoy e o líder socialista, Alfredo Pérez Rubalcaba, tivo un resultado "inapelable" e está "resolto" ata dentro de tres anos.

O seu, di, será un test entre el e o candidato do PSdeG, Pachi Vázquez, mentres elude nomear ao aspirante do BNG, Francisco Jorquera, e recorda a escisión dos nacionalistas ao apuntar que pode haber "dous ou tres candidatos" entre eles.

Sobre a presenza de Rajoy na campaña electoral asegura que o xefe do Executivo "está invitado á súa casa todas as veces que queira" e espera que vaia a Galicia "non unha vez, senón varias".

Recorda neste sentido que Rajoy "pateou" Galicia en 2009 para apoialo como candidato, aínda que entón non tiña como agora obrigacións en Europa ou citas con xefes de Goberno como a chanceler alemá, Angela Merkel, coa que o presidente se reúne este xoves.

Insiste en que son as súas políticas, e non as do Goberno de Rajoy, as que se someten ao xuízo dos votantes, e en calquera caso sinala que a situación do país non se debe aos primeiros oito meses do Goberno do PP, senón aos oito anos anteriores con José Luis Rodríguez Zapatero na Moncloa.

OS "GRUPÚSCULOS" E A IRRUPCIÓN DE CONDE, QUE "BUSCA OCUPACIÓN"
Á cita coas urnas do próximo 21 de outubro concorrerán tamén, augura Feijóo, "grupúsculos" cuxas siglas non menciona, e sobre a posible candidatura de Mario Conde nega que haxa un sector do PP ourensán que estea a apoiar ao ex presidente de Banesto.

"En Galicia estamos preocupados polo desemprego, non porque un señor necesite unha ocupación", di de Conde o presidente da Xunta, quen recorda que Galicia "non é un hobby" e gobernala non pode ser "unha vinganza ou un axuste de contas co pasado''.

O SEU FUTURO NO PARTIDO: "VOU A SER O MESMO ANTES E DESPOIS"
Alberto Núñez Feijóo anticipa que se perde ten unha responsabilidade que deberá asumir, mentres que se gana, non quere facer cábalas sobre o seu futuro no PP nacional máis aló das súas obrigacións en Galicia. "Vou ser o mesmo antes e despois", conclúe.

Ademais non mira máis aló e subliña que o seu "único obxectivo" é conseguir a maioría absoluta para que Galicia, a súa "paixón", conte cun goberno "que non reparta" poder nin diñeiro entre as formacións que o conforman, senón que "xestione" adecuadamente os recursos.

Na entrevista con Efe, Alberto Núñez Feijóo asegura que mantén a súa intención de celebrar debates televisivos esta campaña, pero deixa claro que deberían ser a dúas bandas, con Vázquez por unha banda e con Jorquera por outro, e tamén entre o candidato socialista e o nacionalista. É dicir, tres debates a dous, porque na súa opinión, un debate a tres ou máis sería de todos "contra un" (el) e "iso está ben para o cómic pero non para a política".

Un debate entre os tres sería "unha perda de tempo", insiste o presidente da Xunta, para quen estas confrontacións son en calquera caso "mellores" que os mitins porque permiten comparar programas e candidatos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario