miércoles, 27 de febrero de 2013

O GPP afirma que en Galicia convócanse prazas e apóstase polo persoal sanitario


“Non se pode gastar alegremente e estamos pagando un prezo moi alto polo que fixo o anterior Goberno socialista de España”, anotou  Rodríguez-Vispo

A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo asegurou no Parlamento que “en Galicia, a diferenza do que acontece noutras comunidades autónomas, non se está a despedir a persoal sanitario, mais ben ao contrario: convocamos prazas e apostamos pola continuidade do noso persoal”.

Rodríguez-Vispo sinalou que “é innegable a fonda preocupación que existe na Consellería de Sanidade polo seu persoal, tanto sanitario como non sanitario”. En concreto, a deputada afirmou que esta consellería “estabilizou en menos de catro anos máis de 4.000 postos de traballo, dos que 1.000 corresponden a persoal facultativo, 2.000 a persoal sanitario non facultativo e o resto a persoal de xestión e servizos”.

COMPROMISO COS TRABALLADORES

“Adaptarnos á situación de crise económica que estamos a vivir non supón a perda de compromiso que ten a administración sanitaria cos seus traballadores”, sinalou Marta Rodríguez-Vispo, quen subliñou que “gracias á xestión da Consellería, en Galicia non se tivo que despedir persoal sanitario e convocamos prazas e apostamos pola continuidade do noso persoal”. 

A deputada popular manifestou que “o Goberno ten a obriga de organizar os recursos públicos dispoñibles e garantir a súa utilización dunha maneira eficaz e eficiente” e dixo que “entre todos temos como reto lograr un sistema viable que non supoña en ningún caso a diminución na calidade da prestación de servizos sanitarios”.

Marta Rodríguez-Vispo sinalou que “o Goberno trata de garantir a continuidade do sistema sanitario e para iso ten que xestionalo correctamente, con rigor e eficacia”. “Non se pode gastar alegremente e estamos pagando un prezo moi alto polo que fixo o anterior Goberno socialista de España”, anotou.

Neste sentido, a deputada popular referiuse aos recortes na prestación de servizos sanitarios que se están levando a cabo en distintas comunidades autónomas, como Cataluña ou Andalucía. Fronte a esta situación, Rodríguez-Vispo explicou Galicia mantén en 2013 un gasto sanitario por habitante superior á media española, logo de que en 2010 se situara por baixo da media e engadiu que “fronte ao recorte de 180 euros no gasto por habitante en sanidade que tivo lugar en Andalucía, Galicia apostou por manter o gasto sanitario aínda que haxa menos ingresos”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario