Xogarán a final do Campionato de España Universitario 2013 que se disputará en Puigcerdà
É a primeira vez que unha institución consigue clasificar a dous grupos para esta fase, de alto nivel deportivo
Fito histórico nas filas deportivas da Universidade de Vigo. Os equipos masculinos de fútbol sala e balonmán acaban de clasificarse para a final dos Campionatos de España Universitarios 2013, un feito transcendental tendo en conta a xuventude destes grupos e o alto nivel competitivo e deportivo que se atopa nas fases previas, ás que concorren equipos de todas as institucións académicas nacionais. É a primeira vez que unha universidade consegue clasificar a dous dos seus equipos para pasar á rolda final, unha circunstancia que lle engade un mérito adicional se se ten en conta que o alto rendemento deportivo esixido está ao alcance de moi poucas universidades e que Galicia non ten asegurada ningunha praza para a fase final, algo que si ocorre con outras comunidades autónomas.
Agora toca preparar a final, que se disputará entre os vindeiros 29 de abril e 3 de maio na localidade de Puigcerdà e onde terán que enfrontarse a formacións da talla da Universidade de Murcia,a Universidad Autónoma de Barcelona ou a UNED. “Con este éxito amósase o traballo de promoción e apoio ás distintas federacións e clubs que dende hai anos se está realizando no Servizo de Deportes da Universidade de Vigo, sen esquecer a formación intelectual do noso alumnado na busca dunha formación integral”, aseguran desde o Servizo.
Marcadores desiguais
Ambos os dous equipos lograron a súa clasificación despois de ser campións nos seus respectivos campus e de proclamarse vencedores no torneo Intercampus, ademais de conseguir gañar ao seus contrincantes nunha fase interzonal que se xogou na localidade asturiana de Mieres e ata onde se desprazaron cargados de ilusión para enfrontarse a formacións practicamente profesionais como as de Cantabria, La Rioja, País Vasco ou Oviedo.
O equipo de fútbol sala amosou dende o comezo da competición todo o seu potencial: comezou gañando a Cantabria por 9 a 6 e conseguiu a clasificación definitiva tras un contundente 13 a 3 fronte a La Rioja cun equipo integrado por xogadores do campus de Vigo que na súa totalidade practican na súa totalidade fútbol, non a modalidade deportiva na que participaron. Luis Pozo, Lucho, (Gran Peña) foi un dos nomes destacados do torneo, xa que con 5 goles na final foi considerado o mellor xogador do campionato. Xunto as súas achegas, tamén son de destacar as de Diego Álvarez (Rápido Bahía) e as de Borja Fernández e Adrián López (Alerta Traviesas).
Pola súa banda, os xogadores de balonmán tiveron que pelexar ata o final para rematar cun apertado 33 a 28 ao durísimo equipo da Universidad de Cantabria. O equipo, integrado por deportistas do campus de Pontevedra, destaca polo seu alto nivel técnico e por estar formado por novos valores do balonmán galego. Entre os nomes máis salientables durante a competición, os de Guillermo Rial (Seis do Nadal) como central e do pivote Guillermo Portabales (Poio) na organización do xogo, ademais dos de Pablo Galán (Cisne) e Santiago Picallo (Poio).
Fuente: UVigo

No hay comentarios:
Publicar un comentario