miércoles, 30 de noviembre de 2011

TARXETA SANITARIA


Galicia é a única comunidade que garante de oficio a asistencia sanitaria a desempregados de longa duración e persoas sen recursos. Coa publicación en setembro da Orde da Consellería de Sanidade, Galicia anticípase 4 meses a unha medida do Goberno de España para garantir a asistencia sanitaria a estes dous colectivos.

A orde publicada polo Goberno galego beneficia aos parados que teñan esgotada a súa prestación de desemprego, así como aos que a Seguridade Social lles retirara a prestación sanitaria.

A oposición continúa mentindo sobre a sanidade pública en Galicia, cortando frases e sesgando textos oficiais, algo que atenta contra o rigor. Só teñen que presentar documentación para acceder a unha tarxeta do Servizo Galego de Saúde as persoas procedentes de fora de España que se declaren sen recursos e que non tiveran tarxeta sanitaria con anterioridade, por exemplo, os estranxeiros que non acrediten residencia oficial aquí.

Alerta dunha falsa circular nas redes sociais

O Sergas non emitiu ningunha “Circular informativa sobre a cobertura sanitaria”, na que se verten unha serie de aseveracións completamente falsas, sobre a medida posta en marcha polo Goberno galego, mediante a que se actualiza o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e daquelas que se encontran en situación de desemprego.

Cómo xa se reiterou en múltiples ocasións, ningún galego terá obriga de firmar ningún compromiso de pago para acceder á asistencia sanitaria.

Deste xeito, ao igual que no resto dos servizos sanitarios de España, as únicas persoas que teñen a obriga de acreditar un compromiso de pago serán exclusivamente as persoas que queiran ser atendidas no Sergas cando teñan a cobertura realizada por mutuas particulares ou os estranxeiros que non acrediten dereito á súa atención sanitaria coa Tarxeta Europea ou documento acreditativo preceptivo.

Ningunha persoa sen recursos quedará sen asistencia sanitaria en Galicia, e que todas as persoas sen recursos terán dereito a asistencia sanitaria.

Lei de Saúde

O Goberno galego vai adoptar cantas medidas considere oportunas, como xa se fixo en política farmacéutica, para garantir a protección da sanidade pública e o uso responsable dos servizos sanitarios.

Respecto ao decreto da Consellería de Sanidade polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias, lembramos que se trata dunha normativa que sae publicada anualmente e que este ano inclúe como novidade unha disposición adicional que permite á Consellería a aplicación de varios puntos do artigo 15 da Lei de Saúde de Galicia.

Trátase da aplicación dunha lei aprobada polo anterior Goberno bipartito da Xunta. Por tanto, o que para os socialistas é intentar introducir o copago pola porta de atrás ou un mal uso da sanidade pública, limítase a incorporar ao decreto catro puntos dos recollidos no artigo 15 da citada Lei de Saúde de Galicia aprobada en 2008, que se centran nos deberes e obrigas individuais por parte dos usuarios do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Son os puntos 4, 5, 10 e 11 do citado artigo 15, que recollen, por recomendación da asesoría xurídica da Xunta de Galicia, a obriga e deberes dos cidadáns a usar axeitadamente os recursos, os servizos e as prestacións ofrecidas polo sistema sanitario; manter a debida observancia das normas establecidas en cada centro; cumprir as normas e os procedementos de uso e acceso aos dereitos que se lle outorguen a través da Lei de Saúde de Galicia; ou comunicarlle ao sistema sanitario, coa maior brevidade posible, a non utilización por calquera causa dun servizo programado previamente.

Iso é o que entenden os socialistas por introducir o copago na sanidade pública galega, unha mostra máis da súa falta de escrúpulos para terxiversar calquera cuestión que caia nas súas mans co fin de conseguir un mínimo rédito político.

No hay comentarios:

Publicar un comentario